Trabada, 26 de febreiro de 2022. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu nos últimos meses 70.000 euros para dotar a Trabada dun punto limpo móbil, a través do programa de axudas aos concellos para financiar actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o Goberno galego está a valorar os novos proxectos solicitados ao abeiro da convocatoria deste ano, logo de que recentemente se pechara o prazo de recepción de solicitudes. O obxectivo desta iniciativa, sinalou, é “avanzar nunha Galicia máis sostible, facilitando a recollida selectiva do lixo tamén nas zonas rurais”.
Neste sentido, Arias destacou a importancia de desenvolver unha xestión sostible dos residuos, tanto dende o punto de vista medioambiental como económico e paisaxístico, apostando pola reutilización e a reciclaxe e evitando a aparición de vertedoiros incontrolados.
As achegas da Xunta elévanse ata os 70.000 euros no caso de solicitudes individuais e ata os 100.000 euros para unha agrupación de varios concellos. Os beneficiarios teñen a posibilidade de escoller entre catro modelos de vehículos subvencionables: un contedor ou caixa metálica de gran volume —se a entidade local dispón de camión adaptado con equipo de gancho para a súa carga e traslado—; un remolque e contedor metálico de gran volume —se dispoñen dun camión axeitado—; un camión con caixa e chasis, ou unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.
Así mesmo, tamén se establecen axudas para que os concellos implanten proxectos de recollida separada de téxtiles e de aceite de cociña usado para biocarburantes, cun máximo de 20.000 euros e de de 15.000 euros respectivamente para as solicitudes individuais, e de 40.000 e 20.000 euros para as agrupacións de concellos.
Nos dous últimos anos, a Consellería leva distribuídos na provincia 1,1 millóns de euros, que serviron para mellorar a recollida selectiva en máis dunha trintena de municipios lucenses. En concreto, na comarca da Mariña beneficiaron tamén a Viveiro, O Vicedo, Foz e A Pontenova, que concorreu en agrupación con outros concellos da contorna.