Lugo, 14 de febreiro de 2022. A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses 128.000 euros a incentivar a mellora de 13 establecementos de aloxamento e de restauración da comarca da Mariña.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de abrir de novo esta liña de axudas para continuar facilitando a incorporación de elementos de sustentabilidade e accesibilidade e a renovación das infraestruturas e equipamentos, “dado que estes establecementos son un referente que incide directamente na configuración das exixencias de calidade dos servizos turísticos”, afirmou.
Arias explicou que o programa está dotado este ano cun orzamento de 2 millóns de euros e establece un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de marzo.
Na anterior convocatoria a Mariña asumiu o 50% das achegas distribuídas en Lugo -que rexistrou en total 26 beneficiarios e 252.000 euros-. En concreto, na comarca resultaron beneficiados 10 establecementos de aloxamento e 3 restaurantes. Ribadeo é o municipio que recibe o maior número de apoios na provincia, con seis establecementos beneficiados -catro de aloxamento e dous de restauración-, seguido de Barreiros, con tres. Viveiro conta con dous beneficiarios e os outros dous corresponden aos concellos de Foz e O Vicedo.
No tocante ás obras en infraestruturas, permitiron a rehabilitación de cubertas ou mesmo a instalación de placas solares para mellorar a eficiencia enerxética; tamén se realizaron cambios nas carpinterías, na instalación eléctrica ou na calefacción, e suprimíronse barreiras arquitectónicas.
No que respecta ás instalacións, acometéronse en xeral traballos de reforma e modernización dos locais e do mobiliario, pero tamén de renovación de equipamento, ampliación, creación de terrazas ou embelecemento do entorno.
As achegas financian, entre outras accións, a mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización ou a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde.
O delegado gabou o esforzo dos hostaleiros “por actualizarse e seguir mellorando os servizos que prestan, mesmo logo destes meses de incerteza provocada pola pandemia”. Neste sentido, subliñou “a estreita colaboración mantida co sector e as sucesivas medidas de apoio postas en marcha polo Goberno galego, como esta destinada á mellora da súa imaxe e das dotacións”.