Lugo, 14 de febreiro de 2022. A Consellería de Política Social abriu unha nova convocatoria do programa de Respiro familiar, que facilita a atención temporal a persoas dependentes ou con discapacidade para procurar o descanso dos seus coidadores habituais.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explica que a Xunta financia o 100% da estadía en calquera centro residencial de Galicia sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros, ou ben achega un máximo de 1000 euros para aboar o custe dun coidador no fogar; neste caso debe tratarse de persoal profesional legalmente acreditado con formación específica na materia, contratado directamente pola persoa solicitante.
Arias explicou que se convocan na modalidade non competitiva, polo que se aproban a totalidade das solicitudes que cumpren os requisitos. Na provincia de Lugo concedéronse durante o pasado ano axudas a 49 persoas, por unha suma global de 48.700 euros. Deste total, 29 achegas -por 34.500 euros- foron para sufragar estadías en residencias, e 20 solicitudes (14.236 euros ) para abonar coidados no fogar.
O delegado indicou que o Goberno galego inviste 600.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso.
O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende deberá recoñecido un grao II ou III de dependencia, ou ben ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria.