Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colaborou na mellora da rúa Cotarelo en Trabada cunha axuda de case 70.000€

Trabada, 17 de febreiro de 2021. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o compromiso da Xunta coa paisaxe e o urbanismo e a colaboración cos concellos “para transformar as contornas rurais e urbanas a través do Plan Hurbe”.

Arias comprobou o resultado das obras de urbanización executadas na rúa Cotarelo de Trabada xunto coa alcaldesa do municipio, Mayra García; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegou ao proxecto 67.700 euros, o 56% do investimento total, ao abeiro deste programa de cooperación.

O delegado subliñou que o Hurbe conta este ano cun orzamento de 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e reformar espazos públicos en concellos de menos de 20.000 habitantes.

A intervención na rúa Cotarelo consistiu no acondicionamento do firme e a construción de beirarrúas en ambas marxes, ao mesmo nivel da estrada para eliminar barreiras arquitectónicas; habilitouse un carril de circulación de sentido único e delimitáronse prazas de aparcamento.

Ademais, acometeuse a reposición dos servizos de saneamento e abastecemento, así como a canalización soterrada da rede de iluminación pública, a de baixa tensión e a de telefonía. Colocáronse bocas de rego e de incendios así como a sinalización e outros elementos necesarios.

Exit mobile version