Cervo, 26 de febreiro de 2022. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou esta mañá no Museo do Mar de San Cibrao a publicación “A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo”, que repasa a evolución creativa de Díaz Pardo como ceramista dende finais dos anos corenta do século pasado ata os seus últimos deseños, xa no século XXI.
O volume leva ao papel o traballo desenvolvido para a exposición de título homónimo realizada no Museo de Lugo en 2013, no ano seguinte á morte do artista e intelectual. Coordinada por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda, comisarios daquela mostra monográfica e antolóxica, o libro, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolle reproducións das máis de 350 pezas que integraron a mostra, ademais de debuxos e bosquexos de Isaac Díaz Pardo.
A vicepresidenta Maite Ferreiro sinalou que a publicación “dá un novo percorrido a un proxecto que supuxo un fito moi relevante ao ser a primeira gran mostra que se fixo sobre a obra cerámica de Isaac Pardo” e “atende, coida e divulga o legado artístico dunha figura imprescindible da Galiza traballadora, anovadora, moderna e defensora da súa identidade como é a de Isaac Díaz Pardo”
Incidiu tamén “na pegada de Isaac Díaz Pardo neste concello e nesta comarca. Unha pegada que trascende o artístico, porque a fábrica de Sargadelos, inaugurada en 1970, marcou tamén o desenvolvemento económico e social da Mariña” xa que, lembrou, “supuxo o acceso ao mercado laboral e os primeiros salarios para moitas mulleres e converteu este concello nun lugar peregrinación para ceramistas, artesáns, artistas de todo mundo que viñan formarse a Sargadelos”.
“Cremos que as institucións públicas debemos comprometernos na defensa dese legado, de xenialidade artística e compromiso social. E entendemos que a publicación deste catálogo, aínda que sexa modestamente, nos sitúa nese camiño”, concluíu na súa intervención durante a presentación, que encheu a sala do Museo do Mar.
A publicación ordena os contidos seguindo unha secuencia cronolóxica que reflicte tamén a evolución creativa, cunha etapa pictórica (1948-1955) na que reproduce nas pezas cerámicas as características da súa obra pictórica tanto nas formas como na súa produción cromática; unha etapa entre os anos 50 e 60 na que entra de cheo no deseño industrial aplicando os novos principios tanto a nivel estético como á concepcion empresarial, con deseños máis abstractos e xeométricos, e que culmina na creación do Laboratorio de Formas xunto a Luis Seoane; e unha terceira etapa, ligada á recuperación de Sargadelos, na que os deseños adquiren formas totalmente anovadoras e supoñen verdadeiros alardes técnicos: deseños modulares e amontoables ou figuras articuladas, nas que chega a empregar ata corenta elementos na súa composición.
Ademais da reprodución das pezas, o volume inclúe textos de Camilo Díaz Arias de Castro, Xosé Díaz Arias de Castro, Andrés Varela Martínez e Ramón Villares Paz.