Site icon Crónica3.com A Mariña

“A vella bota”, por Antonio Gregorio Montes

Unha vella canción á que lle tiña aprecio en tempos novos e da que xa non lembro ben, referíase á súa volta ó aprecio sentido por unha vella bota, compañeira de camiñatas de descuberta de montañas e vales, de natureza pero tamén da ‘natureza interna’, propia. Lembranzas íntimas proxectadas de xeitos diferentes no tempo mercede a un instrumento duradeiro, que se humaniza de collerlle cariño co paso dos anos.

Coñezo alguén que, abondas décadas despois, usa as botas da mili. Do ‘Servizo militar’, para quen non vivira aqueles tempos. Unhas que teño son anteriores á miña mili, cando xa tiñan feito quilómetros polo monte, e lembro que o servizo militar suprimiuse en España co cambio de século.

En troques, lembro outras que literalmente desfixéronseme camiñando, sen vir a conto. Por sorte, estaba a menos de un quilómetro do destino, que se chega a ser no medio da travesía, non ía pasalo moi ben. Resulta que cando fun queixarme viñeron a dicirme que era máis ou menos normal. Mesmo, que me daban outras pero só porque esa vez a desfeita chegara antes que ‘a normalidade’.

Un útil, as botas, e experiencias ‘de uso’ totalmente diferentes, que dan lugar a relacións persoa-aparello tamén moi diferentes.

Hoxe hai aparellos que desaparecen nas súas funcións, que están feitos para deixar de ser usados en pouco tempo. A esa característica puxéronlle un nome: obsolescencia programada. A consecuencia, un panorama de dependencia de produtos novos que veñan suplir os vellos, que hai que tirar. Máis cartos para as empresas (o que se procura), máis recursos necesitados, máis necesidade de esforzos para poder vivir, e medre continuo da burbulla do uso e abuso do planeta. Unha burbulla que está a piques de estoupar.

Téñennos falado da imaxe de burbullas para moitas cousas. Poñamos, a burbulla inmobiliaria. Pero a imaxe conduce en todo caso ó estoupido: son inestables. Así pasou na burbulla inmobiliaria, que arrastrou á economía. Agora, a burbulla de sobreuso da Terra, tras medrar cada vez máis rápido, está a piques de estoupar. Sexa polo clima, a falta de recursos ou a perda de biodiversidade, tres dos varios vectores da burbulla que poderiamos chamar capitalista a falta de nome mellor, e que son cada vez máis inmanexables, vemos que está a piques de estalar. E, desta, os danos que estende a burbulla ó estalar e salpican outros campos, está claro que é o que van salpicar, entre outras cousas: á humanidade, a nós. A todos, mesmo ós magnates que esquivarán -xa o fan- as primeiras salpicaduras cos seus cartos, pero que máis adiante non lles servirán máis que para abano fronte as altas temperaturas. E iso, se están en billetes, que en formato dixital é posible que os cartos sufran algún tipo de ‘evaporación na nube’ e sinxelamente, desaparezan.

Confío no traballo, na ciencia e na tecnoloxía, pero de aí a pensar que o mundo vai seguir coa mesma estrutura destrutiva que ata o de agora, só sería posible coa previsión de que vou durar pouco e non ver máis aló desa data. A humanidade chegou ata aquí construíndo redes de moitos tipos, e cada vez temos máis necesidade diso, da construción de redes transparentes para a nosa comprensión, colaborativas para o noso apoio, humanas para seguir sendo nós, para evitar o máis posible ser como os peixes enredados nunha rede que non é súa e que os leva fóra do seu medio ata morrer. Sen defensa. Sen poder escapar.

Exit mobile version