Rouco considera esta suspensión “insólita e inaudita” porque “non se lembra en Burela algo semellante salvo por mor dunha situación sanitaria grave ou dalgunha situación meteorolóxica perigosa”.
O voceiro popular alerta de que “isto supón non só unha falta de respecto aos profesionais do sector ambulante por avisalos con menos de 48 horas por teléfono e sen ningún tipo de reunión previa; senón tamén unha merma económica, sobre todo para aqueles comerciantes de produtos perecedoiros porque con este tempo de antelación xa teñen anticipada a stockaxe sen posibilidade de recolocalos”.
Decisións unilaterais
Rouco engade que “a caída do número de postos e de clientes no mercado dos venres non deixou de minguar dende que o goberno que preside Llano decidiu de forma unilateral trasladar o mercado cara a actual localización de Torrentes sen ningún tipo de consulta previa cos profesionais, cos comerciantes de Burela ou cos propios veciños”.
“O pasado venres, segundo fomos informados, producíronse diversos altercados no mesmo por mor do intento de reubicación dos postos. Unha vez máis, unha decisión tomada de forma unilateral polo goberno de Llano”, explica.
“A isto hai que sumar os paus nas rodas que tanto o goberno local coma o BNG convertido na súa muleta permanente non paran de poñerlle aos comerciantes ambulantes. Un exemplo é a negativa a condonar a taxa que regula o mercado tal e como sucedeu na meirande parte dos mercados da comarca e, outro, a total e absoluta ausencia de regulamento para o mesmo que xa hai uns 6 anos que o alcalde prometera sacar adiante”. Polo tanto, os populares auguran “unha catástrofe asegurada para este tradicional mercado para sempre funcionou como dinamizador económico e social da nosa vila”.
Os populares bureleses pregúntanse “ata cando teremos que padecer os veciños e veciñas de Burela este despropósito?”.