Site icon Crónica3.com A Mariña

A Secretaría Xeral para o Deporte dota dun novo videomarcador de última xeración ao pavillón municipal Vista Alegre de Burela

Burela, 9 de febreiro de 2022. A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia dotou dun novo videomarcador de última xeración ao pavillón municipal Vista Alegre de Burela, que favorecerá o seguimento, control e sinalización das distintas prácticas e encontros deportivos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións xunto co alcalde, Alfredo Llano, e o xefe do Servizo de Deportes de Lugo, Manuel Otero, entre outros. Arias explicou que a nova dotación responde a un convenio entre ambas administracións para asumir os 25.800 euros de orzamento; o Goberno galego financiou o 80% (20.000 euros) e o Concello os 5.800 euros restantes.

A nova pantalla LED ten unha superficie duns 10 m², que permite que sexa visible dende todo o gradarío, cunhas medidas de 4 por 2,5 metros e 8 centímetros de groso. Ademais, o videomarcador está dotado de ordenador de control con software para uso deportivo e multimedia, programación multideporte para marcador electrónico adaptado aos requisitos das distintas federacións, consola para manexo, marcadores de posesión e bocinas de aviso.

O pavillón Vista Alegre acolle a actividade de numerosos clubs deportivos do municipio, e principalmente das categorías menores do Burela Fútbol Sala e do Club Baloncesto de Burela.

O delegado destacou que a Xunta “promove o deporte de base, tanto coa mellora das instalación e do equipamento como con achegas aos clubs e entidades que o fan posible nas distintas modalidades deportivas”.

Neste sentido, lembrou que no pasado ano o Goberno galego destinou 45.100 euros en axudas a cinco clubs deportivos de Burela, para a compra de equipamento, a reactivación tras as restricións derivadas da pandemia e o normal desenvolvemento da súa actividade.

Exit mobile version