Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral convoca unha reunión informativa este venres ás 20:30h no pavillón municipal de Alfoz

O Valadouro, 24 de febreiro, 2022. O Concello do Valadouro, a través das redes sociais, convocou para o día 22/02/2022 “unha sesión informativa dirixida a todos os veciños residentes no municipio onde se expoñerá toda a información que o concello ten á súa disposición do Documento Inicial da Central Hidroeléctrica Reversible Xistral.”

Porén o alcalde foi o único representante político que acudiu á reunión con esta tarefa informativa e que se dedicou basicamente a, entre outras distraccións, explicar un “novo anteproxecto” que lle remitiu a empresa e que actualmente non é o que está en tramitación. Tamén salientable que as escasas referencias ao documento en tramitación non se correspondan co que fica accesible na páxina do Ministerio. Parece que nin empresa nin Alcaldía teñen claro os datos da obra que está na fase de consultas.

Ademais resulta curioso que aínda sen rematar esta fase de consultas da tramitación ambiental xa se está falando de modificalo substancialmente. Como fiarnos dunha empresa que se estrea nas centrais hidroeléctricas reversibles e non sabe nin o que quere facer? E dun alcalde que non é quen de preparar a súa propia presentación?

Porque é chocante que se empregue neste acto unha presentación facilitada pola empresa así como que se mostren fotos doutras centrais. E nos cansaremos de dicir que o problema non é a central en si, senón o emprazamento elixido.

Procede engadir que a este alcalde alguén lle debería explicar que no trámite en curso estáse preguntando ás Administracións afectadas aquela información que consideren que se debe analizar dende un punto de vista ambiental. A documentación publicada para elo cumpre os requisitos formais e considérase suficiente polo órgano competente, menos para o Concello do Valadouro que non sabemos qué información lle falta para poder manifestarse nesta fase.

Por certo, aclarar que dentro do impacto medioambiental inclúense as afeccións, entre outras, á poboación.

Tamén é certo que o tema do impacto ambiental non interesa; é o que toca agora, na fase na que estamos, pero o importante son os impostos que cobraría o concello no hipotético suposto de que se constrúa e os expropiados parece que se farán millonarios; manifestacións na mesma liña da empresa onde o impacto medioambiental non interesa e o importante son os supostos grandes beneficios económicos.

Outra das ocorrencias foi comparar a obra dunha estrada, obra pública, con esta macro central dunha empresa que evidentemente vén a lucrarse. Aínda que certamente xa estamos acostumados a este tipo de manifestacións imaxinativas, como cando antes das derradeiras eleccións municipais se “prometía” a creación dunha cooperativa de vivendas, que supoñemos quedaría no seu imaxinario porque nada máis se soubo.

Pero ante as preguntas sobre a declaración de obra pública desta obra non houbo resposta porque este alcalde soamente transmite o que a empresa lle explicou. É dicir, o Concello do Valadouro convoca un acto para explicar o anteproxecto en tramitación e nin explica este, senón outro que aparece agora por arte de maxia, nin é capaz de facer unha valoración como administración afectada senón que transmite o que lle contaron dende a empresa, pero a veciñanza afectada temos que tomar unha tila porque estamos moi nerviosos.

Resumindo, non foi quen de aclarar as dúbidas sobre o anteproxecto e a súa tramitación, que básicamente era ao que acudíamos, pero sí a falar doutras moitas para non abordar o importante como pode ser os eucaliptos ao lado das casas (prohibidos dende o ano 2007), sobre a importancia da industria (cando non foi quen de levar adiante o polígono industrial), da paralización do rural pola Lei 2/2016 do solo (cando as limitacións veñen impostas polo lexislador estatal, e se fixera o seu traballo e aprobara ou actualizara a normativa municipal habería novos núcleos rurais onde poder facer vivendas) ou a ausencia dunha residencia xeriátrica pública (cando o goberno provincial do seu partido está facendo un montón delas, pero para iso hai que ser capaz de levantar o teléfono, igual aos de Atalaya Generación lles interesa invertir neste sector).

Soamente nos queda explicarlle que, como en todo, a última palabra téñena os tribunais así que SI, O CONCELLO SE QUERE, ALGO PODE FACER.

Noutra orde de consideracións o BNG do Valadouro quixo arrimar o ombro coas ocorrencias propoñendo un referendo para os empadroados no concello, xa que non soamente deben opinar os afectados directamente.

Pensamos que falar de referendo son palabras maiores,e claro que hai máis afectados que os directos, porque a planificación enerxética afecta a máis xente pero non soamente do Valadouro, senón tamén de concellos veciños como Alfoz e que, ademais, ao final é unha decisión de país. E, por certo, a veciñanza pode defender lexitimamente o ben común pero tamén, e a diferenza dos cargos públicos, os persoais.

E dentro desta planificación enerxética sorprende que precisamente a dirección autonómica do BNG, que tan crítica é no noso Parlamento coa política enerxética eólica en vigor polo forte impacto no territorio, non se manifeste coa mesma rotundidade sobre este anteproxecto.

Nunha liña similar se manifestaba fai uns días a directora xeral de Planificación Enerxética, de forma que se debería aceptar aquela central “ que xere o menor impacto ambiental”. Porén, e a pesar de que esta do Xistral é unha obra totalmente artificial na que non existen embalses aínda, a Xunta non se manifestou de forma clara sobre este proxecto.

E finalmente gustaríanos saber a opinión do senador por Lugo do Partido Socialista, coas raíces neste Val. Igual el nos pode aclarar que son da mesma opinión que o alcalde deste Val co que comparten siglas.

Aínda que realmente o que nos gustaría, vendo o panorama local, sería un intercambio de impresións cos dirixentes destes partidos xa que parece que O Valadouro é unha república independente onde as directrices políticas supramunicipais aquí non se aplican.

E para rematar e vista a escasa información aportada por parte dos concellos de Alfoz e Valadouro, así como a súa escasa actitude para colaborar na paralización desta macro central, dende a Plataforma de veciños afectados pola macro central do Xistral organízase unha NOVA REUNIÓN INFORMATIVA este venres 25 ás 20:30 h. no pavillón municipal de Alfoz.

Exit mobile version