Site icon Crónica3.com A Mariña

A iniciativa polo audiovisual en galego demanda igualdade para a nosa lingua no sector

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Compostela, 3 de febreiro de 2022. A facultade de Comunicación da USC acolleu esta mañá o nacemento da Iniciativa polo audiovisual en galego, unha plataforma conformada por entidades do ámbito académico, profesional, empresarial e lingüístico que reivindica os dereitos de Galiza e do galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que ultima o goberno español.

Margarita Ledo defendeu a necesidade desta iniciativa colectiva e a pertinencia das súas reivindicacións, “sustentadas no traballo académico que vén desenvolvendo dende hai máis dunha década o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da USC, analizando a produción e a visibilidade do cinema en linguas visibilizadas, nomeadamente a galega”.

Neste sentido, Soliña Barreiro, tamén do GEA, recordou que para que os obxectivos teoricamente perseguidos polo anteproxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual no relativo ao “fomento da diversidade cultural e lingüística do sector audiovisual” se acaden de xeito efectivo cómpre mellorar o texto da lei e concretar tanto o orzamento como a súa distribución, descentralización e clarificación das cotas.

Margarita Ledo abondou en que todas as emendas propostas por esta iniciativa plural contan co respaldo das políticas europeas, recollidas na Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual, que debe transporse na nova lei estatal, para o que son imprescindibles os cambios propostos polo sector audiovisual e lingüístico galego.

A este respecto, Manuel Arca, respresentante das profesionais da tradución e da interpretación, recordou que a nova lei afecta ao sector profesional e empresarial do audiovisual galego “non só como profesionais, senón tamén como cidadáns que queremos ver respectados os nosos dereitos”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, salientou a unidade social existente arredor da reivindicación de igualdade para Galiza e o galego na lexislación, neste caso audiovisual, e anunciou que os partidos con representación galega no Congreso foron informados polas entidades destas demandas. “Agora farémolo de novo, conxuntamente”, explicou Maceira, “co obxectivo de que a unidade de Galiza que mostrou o Parlamento galego se reflicta no Congreso a través da incorporación destas emendas”.

UNANIMIDADE PARLAMENTAR
O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade, o 12 de maio de 2021, a chamada Iniciativa Xabarín para a mellora da presenza da lingua galega no audiovisual na que, xunto con outros puntos, se solicitaba que a lexislación estatal equiparase para o galego as porcentaxes na dobraxe, lexendaxe, audiodescricións e financiamento anticipado previstas para o castelán. O texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego instaba a: “que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda” e mais a “reclamar da Corporación de Radio Televisión Española que emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega” que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Esta oportunidade de mudalo é única”, remata Maceira, “o pobo galego unido é imparábel. Afrontamos esta oportunidade nas mellores condicións posíbeis: cun acordo unánime das forzas políticas e sociais galegas. A unidade é garantía de éxito.”

Achegamos fotografías da presentación desta mañá, coa presenza de Manuel Arca (AGPTI – Asociación Galega de Tradutores e Interpretes), Margarita Ledo (Grupo de Estudos Audiovisuais da USC), Marcos Maceira (Mesa pola Normalización Lingüística) e Soliña Barreiro (Grupo de Estudos Audiovisuais da USC).

Exit mobile version