Lugo, 28 de febreiro de 2022. A Deputación de Lugo celebra o Entroido nos centros públicos de atención a maiores da súa rede provincial, situados en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. As residencias acollen durante estes días diferentes actividades, que consisten na preparación e intercambio de máscaras, actuacións de música, elaboración de receitas típicas destas festas, bingo, concursos de comparsas e desfiles, entre outros.
Entre as actividades máis especiais das que se realizaron destacou o intercambio de máscaras, feitas a man, entre os residentes dos diferentes centros da Deputación. Os usuarios e usuarias agradecéronse o traballo os uns aos outros mediante vídeo chamada, amosando o resultado dos seus antefaces e coñecendo a outras persoas que conviven nos diferentes centros de atención provinciais.
Os residentes tamén elaboraron e degustaron os doces típicos do Entroido, como as filloas e as orellas. No centro de Meira e da Fonsagrada recibiron tamén a visita dos escolares dos seus municipios, que acudiron ás residencias disfrazados e intercambiaron tempo de lecer e risas cos usuarios e usuarias.
Rede de residencias provincial
A Deputación ten na actualidade en funcionamento 7 residencias na provincia, en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira. A institución conta cun modelo baseado na esencia de que as persoas poidan permanecer no concello ou comarca na que pasaron toda a súa vida, rodeadas de caras coñecidas e residindo con veciños e veciñas. Un feito que mantén o arraigo á súa terra, nun centro público no que reciben unha atención próxima e de calidade, tendo en consideración que estas características intrínsecas do modelo afectan moi positivamente ao seu benestar físico e emocional.