Ribadeo, 4 de febreiro, 2022. Ao longo dos diferentes mandatos o BNG de Ribadeo, así como o goberno municipal que sustenta, ten apostado pola revitalización das parroquias. Emprendemos reformas e melloras nas antigas escolas e dotámolas de vida levando por elas varias actividades culturais en coordinación coa veciñanza. Teatro, contacontos, música; actividades de lecer para a xente moza e non tan moza, experiencias positivas como “Aquí como de 20”, formación, etc. Sempre parece pouco, pero fixemos unha clara aposta polas parroquias tanto a nivel de infraestruturas como de actividade deportiva, social e cultural. Iso si: os anos pasan e as instalacións acaban precisando melloras.
O goberno municipal está a reformar de xeito integral a antiga escola de Cedofeita; no teleclube de Arante xa se puxo en marcha a reforma dos baños e da soleira, en Covelas fixéronse varias reparacións (accesibilidade, arranxo das ventás, pavimentación da entrada, etc.), licitou tamén as obras da Escola Vella de Rinlo. Cos orzamentos municipais de 2022 xa aprobados, está planificando o arranxo doutras escolas e teleclubes parroquiais de acordo co que foi falando coas diferentes asociacións de veciños ao longo deste mandato. Sempre que se pode, búscase apoio noutras institucións, por exemplo a Deputación. Ben que nos gustaría que a Xunta se sumase mediante a fórmula de convenios a un plan que permitise dar un novo pulo aos locais sociais das distintas parroquias. Hai dous anos o goberno municipal solicitoulle á Xunta axuda formal para o arranxo de varias delas. A resposta, tal e como se lle comunicou ás asociacións afectadas, foi negativa. Desde o BNG de Ribadeo non nos rendemos e apoiamos ao goberno municipal no seu empeño por lograr a colaboración mutua Xunta-Concello de Ribadeo, para levarmos a cabo entre todos as melloras que se precisen. Sumarase a Xunta nesta ocasión a tal espírito construtivo?
Ás veces resulta ben curioso que, namentres o goberno municipal se propón facer cousas, hai quen se arroga falar no nome da Xunta (aínda sen ter ningún vínculo orgánico con esa institución) e desfai todo o que pode mareando o peixe no canto de achegar solucións construtivas. Que se os baños teñen que ir aquí ou acolá, e despois propoñer que vaian máis alá aínda, que se o goberno municipal do BNG está agochado no concello e non vai polas parroquias…
O BNG de Ribadeo, así como os concelleiros e concelleiras que compoñen o goberno municipal, visitamos as parroquias e falamos coa xente, e escoitámola tomando nota do que di; non imos crear disensións nin encerellarnos con leas destrutivas. Cando temos que dicir que algo non se pode facer porque non hai diñeiro suficiente, ou non é viábel tecnicamente, dicímolo; somos honestos. Non como outros que, moito animar a pedir subvencións á Xunta e mira ti por onde, aínda hai pouco soubemos que o Concello de Ribadeo logrou que a Xunta se vira obrigada por sentenza a aboar unha subvención que deu para arranxar parte dun camiño parroquial hai dous anos.
Unha vez máis constatouse que o BNG de Ribadeo, así como o goberno municipal, adoptamos unha actitude construtiva: non buscamos problemas, senón que achegamos solucións. En canto que practicamente todos os locais que usan as asociacións veciñais nas parroquias son de titularidade municipal, non procede alentar a facer reformas por libre, senón que a vía máis proveitosa para mellorar as condicións de uso dos mesmos, sería sentaren Xunta e Concello para conveniar ditas melloras.
O BNG de Ribadeo sempre vai estar a disposición da veciñanza para lograrmos, entre todos e todas, seguir apostando pola vida social e cultural das parroquias, tal e como estamos a facer neste mandato, e xa o fixemos nos anteriores. Os feitos aí están.