Site icon Crónica3.com A Mariña

Xulia Marqués Valea divulga a toponimia da Pontenova na colección Terra Nomeada

A Coruña, venres 7 de xaneiro de 2022. Cal é a orixe e o posible significado dos nomes das 11 parroquias e 102 entidades de poboación do concello lugués da Pontenova? A filóloga Xulia Marqués Valea dá resposta a estas preguntas no número 7 da colección Terra Nomeada da Real Academia Galega, promovida polo Seminario de Onomástica da institución en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica. O libro pode descargarse de balde en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

Xulia Marqués Valea é doutora especialista en toponimia con ampla experiencia en estudos etimolóxicos, recollida de campo e didáctica da onomástica. O volume que lle dedica á Pontenova —publicado co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación— é a súa segunda achega á colección Terra Nomeada, á que xa contribuíra coa centrada noutro municipio da comarca da Mariña Oriental, Trabada, o seu concello natal, que limita ao norte coa Pontenova.

Ademais de recoller todas as entidades de poboación da Pontenova tal como figurarán na vindeira edición do Nomenclátor de Galicia, a investigadora engadiu dúas entradas correspondentes a accidentes xeográficos importantes deste territorio, o río Eo e a serra do Pousadoiro, e unha terceira, Miranda, por ser o antigo topónimo que lle deu nome ao Concello (de Miranda), á xurisdición Miranda ou ás Terras de Miranda e mesmo ao río Eo, coñecido tamén como río de Miranda.

Algúns dos topónimos analizados son únicos en toda Galicia. É o caso de formas como Neipín, O Puiteiro ou Brandiz. Esta última, que dá nome a un lugar da parroquia de Conforto, está emparentada coa galega e portuguesa Brandariz, non ofrece moitas dúbidas sobre a súa orixe, probablemente un nome de persoa de orixe xermánica. «Procedería do xenitivo do nome de orixe xermánica Brandaricus (Brandarici > Brandriz > Brandiz)», explica a autora.

Para Neipín, lugar da parroquia de Vilaboa, non hai polo momento unha hipótese etimolóxica definitiva, pero Xulia Marqués Valea formula dúas vías interpretativas, unha baseada tamén na antroponimia e outra na orografía da zona. Na primeira, Neipín derivaría dun hipotético nome persoal de procedencia latina *Naepinus. «En latín existía Naevio, Naevos e Naev-inus; ademais, Naepor, a partir do que se puido formar *Naep-inus, hipocorístico», propón. Para o suposto inspirado nas características do terreo, a filóloga recorda que Aníbal Otero incluíra entre o vocabulario de San Xurxo de Piquín a voz neipín v. aneipar ‘acoller’. «Neipín podería referirse, á vista disto, a un ‘lugar que acolle’ e, seguindo esta liña argumentativa, a un ‘sitio protexido, abrigado’», suxire.

O Puiteiro é outro topónimo de orixe descoñecida, aínda que parece conter o substantivo outeiro. «Posiblemente estea emparentado co apelativo piouteiro que figura entre o léxico do galego de Asturias co significado ‘lugar máis alto con respecto aos terreos que están arredor’», detalla.

Entre os topónimos transparentes figura o que lle dá nome ao concello, A Pontenova. O núcleo nominal ponte procede do latín pǒnte ‘ponte’ e o adxectivo nova do cualificativo feminino nǒva ‘nova’. No plano semántico, é indicio dunha infraestrutura primitiva da que se descoñece se foi de fábrica medieval ou moderna, se chegou a ter valor patrimonial ou histórico ou se a súa localización coincidiu ou non con esa ponte nova, cuxo primeiro dato documental claro e seguro é do ano 1645. « A esa altura, os veciños de Conforto e Viloudriz mantiñan un litixio cos de Vilaméa “Sobre el adreço y fábrica de la puente del río de Miranda que llaman Puente Nueba”», concreta Xulia Marqués Valea a partir de fontes dispoñibles na Biblioteca Dixital de Galicia.

Exit mobile version