Viveiro, 7 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro informa que a próxima semana comezará unha campaña de test de antíxenos no municipio que comezará o próximo martes 11 de xaneiro. Deste modo, o SERGAS, en colaboración co Concello de Viveiro, habilitará un punto para realizar un test de antíxenos gratuitamente a todas aquelas persoas que o desexen e que sexan asintomáticas. O cribado é gratuito, está aberto tanto á cidadanía de Viveiro como da contorna e non se necesita cita previa.
O cribado realizarase na Sala Multiusos da Casa do Concello de Viveiro tres días á semana durante todo o mes de xaneiro. Concretamente, realizaranse os martes, os xoves e os sábados entre as 10:00 e as 14:00, comezando o vindeiro martes 11 de xaneiro.
Con esta iniciativa, preténdese localizar posibles persoas contaxiadas, dado o alto número de casos de persoas asintomáticas actualmente.
Dende o Concello de Viveiro, pídese á cidadanía que continúe cumprindo coas medidas sanitarias actuais, co obxectivo de limitar os posibles contaxios. Asemade, pídese a colaboración dos veciños e veciñas de Viveiro para participar neste cribado.