Viveiro, 24 de xaneiro de 2022. O Concello de Viveiro informa que, grazas á xornada de promoción celebrada no IES Vilar Ponte o pasado 14 de xaneiro, o Grupo de Participación Xuvenil de Viveiro medra coa incorporación de 6 novos membros.
Deste modo, na cuarta reunión do grupo, o pasado venres, os menores, ademais de coñecerse e divertirse, deseñaron dúas actividades que xa contan coa autorización do Equipo de Goberno para ser realizadas no municipio.
A primeira delas, con motivo do entroido, será un Scape Room sobre os Dereitos da Infancia, que terá lugar o luns 28 de febreiro no pavillón do IES Vilar Ponte. A segunda será unha iniciativa relacionada co 8M, día Internacional da Muller Traballadora, na que o grupo deseñou tarxetas violetas con frases reivindicativas e feministas.
Nesta iniciativa, a súa intención consiste en suxeitar cuns lazos da mesma cor estas mensaxes, feitas por elas e eles mesmas/os, en diferentes espazos do municipio, coa intención de que todo o mundo as poida ler. Asemade, como exemplo para a cidadanía, o grupo comprometeuse a recoller todas as tarxetas unha vez finalice o día, como signo de respecto polo mantemento da orde e limpeza dos espazos públicos.
A próxima sesión celebrarase o vindeiro mércores 2 de febreiro de 16:30 a 18:30 na Sala Multiusos do Concello.