“Estamos falando dun sector estratéxico para Galicia, que aposta polas explotacións familiares e que a súa sostenibilidade depende de moitos factores, polo que debemos evitar plantexar calquera tipo de dúbidas aos consumidores”, afirmou González Formoso, que hoxe visitou unha explotación gandeira de produción de carne en Guitiriz acompañado polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira, a secretaria de Desenvolvemento rural, Rosa Arcos; a secretaria provincial dos socialistas lucenses, Patricia Otero e o deputado autonómico Martín Seco.
“No PSdeG estamos por defender o sector primario galego, o sector gandeiro que emprega a tantos miles de familias no entorno rural e se non queremos que se baleire definitivamente temos que ser moi coidadosos con preservar a actividade económica que lle dá vida”, afirmou Valentín González.
Unha Lei para garantir retribucións xustas, que impedirá vender a perdas
O líder dos socialistas galegas puxo en valor a Lei de Cadea Alimentaria recentemente aprobada polo Goberno de España, “unha lei que permitirá que agricultores e gandeiros reciban retribucións xustas” e subliñou que o novo regulamento “impedirá vender por debaixo do prezo de produción, atendendo unha das demandas históricas do sector”.
“A visita de hoxe permítenos coñecer in situ as esperanzas que a Lei xera para o sector primario, estratéxico en Galicia. A cuestión agora está no desenvolvemento do seu regulamento e desde o PSdeG estaremos vixiantes para que se cumpra”, afirmou o secretario xeral.
Pola súa banda, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, agredeceu “o compromiso de Valentín co sector primario nun momento especialmente delicado, no que o incremento da enerxía, os fertilizantes ou os piensos colocan á inmensa maioría das pequenas e medianas explotacións familiares galegas nunha posición delicada”, levándoas “a unha situación de venda a perdas”.
Roberto García subliñou a “boa vontade” da Lei de Cadea Alimentaria aprobada polo Goberno pero pediu “que lle poidamos engadir algo tan imprescindible como é un criterio obxectivo para determinar os custes de produción”. “Que a lei nos dea a razón é importante, pero que logo haxa instrumentos para facer cumprir a lei e aínda máis importante”, remarcou.
“É importante que ningún matadeiro lle poda pagar a un gandeiro un becerro por debaixo do que lle costa producilo, pero é máis importante determinar que producir un kilo de carne pasa de 5,38 € e o prezo máximo que recibe hoxe un gandeiro en extensivo é de 4,80 € no mellor dos casos”, explicou o secretario xeral de UU.AA.
García lembrou que a media de vacas por explotación en Galicia é de dez animais por granxa, “polo que o debate aquí non é macrogranxas si ou macrogranxas non. Non podemos pedir a un gandeiro que non incremente a súa produción se co que vende non lle chega para sacar o salario mínimo. Para garantir a sostenibilidade ambiental hai que garantir a sostenibilidade económica”, afirmou.
Finalmente pediu que “non se criminalice” á produción de carne e instou á Xunta a diferenciar “a suprema co resto de carnes para que o consumidor poda elixir a carne de calidade” e que “faga cumprir a Lei de Cadea Alimentaria”