Madrid, 20 de xaneiro de 2022. O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, e a axente de Desenvolvemento Turístico, Tania Hermida, manteñen desde onte encontros de traballo en Fitur con turoperadores, empresas e medios de comunicación especializados aos que lles están a presentar os recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino.
Cajoto explica que “estamos dando a coñecer todo o potencial co que contamos na Mariña Lucense co fin de ampliar a presenza nos seus programas e a inclusión da comarca entre a súa oferta. Manteremos tamén xuntanzas para coñecer casos de boas prácticas noutros destinos, empresas especializadas e tecnoloxías con posibilidade a aplicar no noso territorio”. A Mancomunidade reuniuse hoxe coa Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia.
O presidente da Mancomunidade aproveita a súa estancia en Madrid para asistir a diferentes presentacións, coma á realizada onte pola Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo e esta tarde acudirá á da Deputación de Lugo.
Será mañá, venres, cando ás 11:00 horas Fran Cajoto dea a coñecer o Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024. No acto intervirán ademais do presidente da Mancomunidade a directora de Turismo, Nava Castro, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
Durante a presentación proxectaranse distintas gráficas e un vídeo resumo do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense composto por 5 eixos programáticos, que á súa vez engloban 18 liñas de actuación cunha inversión total de 2,225 millóns de euros, que xorde do convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, e para o que a Deputación de Lugo apoiará ao ente supramunicipal e aos Concellos no 10,11% da achega que lles corresponde cunha aportación de 81.000 euros, financiando o 44,94% a SETUR e outro 44,94% a Axencia de Turismo de Galicia.