“Quero agradecer ós compañeiros e compañeiras esta mostra de respaldo, que é moi importante en termos cuantitativos, pero tamén dende un punto de vista cualitativo, xa que os avais proceden do conxunto da provincia, de todas as comarcas”, subliñou o Alcalde de Monforte e Presidente provincial.
“Na presentación da candidatura dixen que quero un partido forte, unido e integrador, que garanta o intercambio de ideas e de comunicación entre a militancia. É unha satisfacción comprobar que moitos compañeiros e compañeiras de toda a provincia o entenderan así e decidiran darme o seu aval”, asegurou.
A proclamación oficial das candidaturas terá lugar a vindeira semana, entre o 10 e o 14 de xaneiro, e a campaña de información á militancia desenvolverase entre os días 15 e 29 deste mes. José Tomé explicaralle ós socialistas da provincia dúas cuestións fundamentais, que xa detallou cando anunciou a súa candidatura, e que son: por que se presenta á Secretaría Xeral do Partido Socialista na provincia e para que se presenta, facéndoo dende a proximidade, con diálogo e coa vontade de poñer en común ideas para deseñar medidas concretas que fortalezan a capacidade de acción do partido na provincia.
Na presentación da candidatura, Tomé Roca subliñou que dá o paso coa vontade de poñer ó servizo do PSdeG no conxunto da provincia toda a súa experiencia política, tanto orgánica como institucional, e toda a capacidade de traballo, de organización, de propostas e de dinamismo que está demostrando no Concello e na Deputación, para, como fixo en Monforte, levar á organización ás máximas cotas de apoio electoral e de representación institucional, porque así iralle mellor á provincia de Lugo.
Para elo, propón unha estrutura orgánica, un modelo de funcionamento e un proxecto político que consolide e que mellore os resultados que ten hoxe o Partido Socialista na provincia de Lugo, de cara ás próximas eleccións municipais, e que toda esta forza municipalista sirva de palanca de impulso para contribuír e ser determinantes para lograr o cambio na Xunta de Galicia en 2024 e para manter o Goberno do Estado.
En canto ós obxectivos, como explicou tamén cando presentou a candidatura, José Tomé Roca propón catro liñas de traballo: ensanchar as bases do partido, recuperando a capacidade para ilusionar e atraer a todas as persoas que queiran traballar pola provincia de Lugo; ofrecer asesoramento técnico e político, apoio e formación, ós que poidan acudir os socialistas para facer o seu traballo diario nos concellos, para plantexar mocións, para darlles información ou para axudarlles na súa relación cos medios de comunicación, tanto nas tarefas de goberno, como na oposición; fomentar a participación para que o partido funcione como unha canle de comunicación permanentemente aberta, capaz de escoitar, de dar resposta ás dúbidas e de aportar ideas para convertelas en propostas que sexan de utilidade para o conxunto; e máis coordinación e difusión das mensaxes para darlles maior repercusión e que cheguen a máis xente.