O mandatario provincial valorou a estreita colaboración que existe entre todas as administracións e entidades para impulsar estes destinos e para dar a coñecer a súa potencialidade. Subliñou neste sentido o máximo compromiso da Deputación ao cooperar economicamente cos territorios da Mariña e da Ribeira Sacra para sacar adiante os Plans de Sustentabilidade Turística que lles concedeu o Goberno de España, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
“Eu sempre digo que a Ribeira Sacra é un trozo de paraíso no interior de Galicia, e a súa declaración como Reserva da Biosfera é un dos feitos que o confirma”. Subliñou José Tomé que esta distinción da UNESCO “foi unha gran noticia para a comarca e para a provincia, porque supón un novo recoñecemento internacional da riqueza medioambiental coa que contamos na provincia, que ten máis do 80% do seu territorio incluído nunha Reserva da Biosfera”.
Ademais, lembrou un fito importante para a Ribeira Sacra que fixo no 2021 coa publicación da guía sobre o románico deste territorio. “Unha peza máis na nosa estratexia para potencial o románico como recurso turístico despois de conseguir incluír Lugo na Ruta Transrománica do Consello de Europa”.
Por outra banda, o mandatario provincial valorou o traballo feito polos concellos mariñáns para impulsar a comarca, como demostra a propia consecución do Plan de Sustentabilidade Turística que deron a coñecer en FITUR. Unha estratexia froito da colaboración das institucións, entre as que participa a Deputación, co firme convencemento de que “este é un destino sostible, de calidade e con capacidade para atraer visitantes ao longo de todo ano”, manifestou.
“O logotipo da Mancomunidade de Municipios da Mariña alude á navegación como sinal de identidade e símbolo de viaxe, de progreso, e estou seguro que de que este investimento tan importante para a comarca e tamén para a nosa provincia, vainos axudar a levar a bo porto o futuro de prosperidade que merece a veciñanza da Mariña”, subliñou.
“A Mariña é unha comarca de inmensos recursos, que conta xa cunha importante proxección nacional e internacional. Unha comarca cunha oferta moi diversa, que exemplifica en si mesma a variedade que caracteriza ao conxunto da provincia de Lugo”. Neste sentido, dixo confiar en que a esta oferta se sume o recoñecemento oficial do Camiño do Mar como ruta xacobea, un fito que “consolidaría á provincia como un nó privilexiado no conxunto das rutas de peregrinación europeas”.
Un Plan de Industrialización
Tomé Roca salientou que o turismo contribúe ao desenvolvemento económico da comarca da Mariña e que é unha aposta cara o futuro, “un futuro que pasa inescusablemente tamén por impulsar un Plan de Industrialización que recupere e que aproveite o gran potencial da comarca para crear riqueza e emprego”.
Unha promoción transversal
O Presidente aproveitou a súa estadía en Fitur para abordar coa Ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, e co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, as propostas turísticas da provincia.
O mandatario provincial visitou tamén o espazo dedicado á provincia de Lugo no stand de Galicia onde os 67 concellos teñen a oportunidade de entregar material promocional dos seus destinos, actividades e accións turísticas a profesionais e persoas físicas chegadas de todas as partes do mundo.