Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé cumpre de novo o seu obxectivo e os Orzamentos do 2022 entraron en vigor este 1 de xaneiro

Lugo, 1 de xaneiro de 2022. Os Orzamentos da Deputación de Lugo para o 2022 entran en vigor este sábado, o primeiro día do ano. O Presidente, José Tomé Roca, cumpre de novo, como vén facendo dende o inicio do mandato, co seu obxectivo prioritario de contar con este instrumento investidor fundamental para toda administración dende principios de ano porque só así “os presupostos son realmente útiles e eficaces para a provincia”.

A Deputación de Lugo dispón para este ano 2022 dun Orzamento de 100M€, o máis alto da última década, que ten como obxectivo seguir mellorando e ampliando os servizos públicos, sobre todo no rural, e continuar apoiando a recuperación económica da provincia, en colaboración cos concellos e co tecido social e económico. Para elo, o Goberno reforza as catro grandes liñas de actuación prioritarias que ten marcadas dende o inicio do mandato: políticas sociais, cooperación cos concellos, apoio aos sectores produtivos e mellora da mobilidade.

A Deputación de Lugo dedica máis dun terzo do total do Orzamento a Políticas Sociais. No 2022 aumenta a consignación un 12% ata chegar aos 34M€, dos cales 10M€ son para os Centros de Atención a Maiores. Das tres residencias que había ao principio do mandato, situadas en Trabada, Ribadeo e Pol, a Deputación pasou ás 7 coas que conta a día de hoxe, porque neste dous anos abriu os centros da Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, cos que a Deputación mantén 200 postos de traballo directos. O vindeiro ano, o Goberno prevé poñer en marcha os centros de Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de continuar traballando noutros proxectos que están marcha, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros.

Xunto aos centros de maiores, no Orzamento do ano 2022 contan con dotación de recursos o servizo de Teleasistencia Domiciliaria e o Servizo de Axuda no Fogar, con 2M€, neste caso a través do Plan Único.

Tamén no eido das políticas sociais, o vindeiro ano mobilizaranse 9,4M€ para emprego, un 5% máis ca no 2021.

O principal instrumento de cooperación da institución provincial, o Plan Único, está dotado con 11M€ no Orzamento, que se elevarán ata os 21,5M€ coa incorporación de remanentes, como se fixo ata agora.

En canto ao apoio aos sectores produtivos estratéxicos da provincia de Lugo e a aqueles que máis sofren o impacto da pandemia, a Deputación continuará co Plan de Impulso da Economía da Provincia, destinado a favorecer a recuperación sostible do tecido produtivo fronte ó impacto da crise da Covid con medidas de apoio, promoción e incentivo do consumo.

Suben un 23%, ata os 3M€, as partidas destinadas a accións e proxectos de apoio ao sector primario, entre elas, a Granxa Gayoso Castro, que contará cun orzamento superior aos 1,7M€, un 12% máis que o pasado ano.

Os fondos para turismo suman 3M€ e as partidas vinculadas coa conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sostible superan os 4M€, un 20% máis ca no 2021.

O Goberno provincial demostra no presuposto que a mellora da mobilidade é unha prioridade. Suben un 7% o investimento en estradas, ata chegar aos 17,3M€, destinados a tarefas de mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

Exit mobile version