A titular de Mar detallou que ese estudo pretende que as autoridades implicadas na toma de decisións sexan conscientes das consecuencias negativas que poden ter no sector e mostrar a súa incidencia na frota galega desde o punto de vista xurídico, ambiental e económico. Dentro deste último ámbito, o informe simula tres escenarios en función da menor ou maior suba da presión fiscal e as súas consecuencias.
En relación ao peor dos escenarios, o documento destaca que incluso no segmento de frota que menor impacto rexistraría, que é o de artes menores, o beneficio anual, duns 15.700 euros, estaría por debaixo do salario medio bruto de Galicia, que é de preto de 22.200 euros. As frotas máis afectadas serían a de arrastre e palangre de altura e grande altura, que entrarían en perdas estruturais.
Esta parte do estudo, elaborada polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela, dá conta ademais do peso que ten o combustible nos gastos derivados da actividade das distintas frotas, que varía entre o 20% no caso da pesca de baixura e o 44% no do arrastre, sendo a media do 30%. Segundo lle trasladou Rosa Quintana a Joao Aguiar, unha maior presión fiscal sobre o combustible na pesca provocaría o abandono da actividade, o seu desenvolvemento en zonas máis próximas á costa ou a redución da velocidade para consumir menos carburante, o que alongaría o tempo de chegada a porto e reduciría a frescura do peixe e o seu valor.
A conselleira tamén expuxo que, no eido xurídico, o informe inclúe unha análise realizada pola Fundación MarInnLeg que incide na necesidade de que a regulación sobre a fiscalidade dos combustibles teña en conta a finalidade para a que son empregados. Nesta liña, subliña que a pesca é unha actividade dirixida ao abastecemento de alimentos altamente nutritivos e cunha das máis baixas pegadas de carbono para a súa obtención. A maiores fai fincapé na importancia do level playing field e da coordinación deste tipo de normativas co fin de que non haxa solapamento entre as medidas da OMC e da UE ou doutras organizacións internacionais como a Organización Marítima Internacional (OMI).
En canto ao eido ambiental, o documento entregado hoxe ao representante permanente da UE na OMC inclúe un estudo do Biogroup da Universidade de Santiago de Compostela. Esta parte salienta a necesidade urxente de comprender os impactos ambientais derivados de sistemas de produción pesqueiros e acuícolas para xestionalos mellor e promover un sector máis sostible. Neste sentido, recolle que o peixe ten a mellor relación entre a proteína que aporta en función da súa pegada de carbono. De feito, engadiu Rosa Quintana, unha dieta baseada en produtos do mar é fundamental para contribuír a unha alimentación saudable ao tempo que favorece a conservación do medio ambiente.
Defensa dos intereses de Galicia
Ademais da xuntanza co representante permanente da UE na OMC, a conselleira tamén mantivo un encontro coa embaixadora da Representación Permanente de España ante a Organización das Nacións Unidas (ONU), Aurora Díaz-Rato, á que tamén lle entregou o informe elaborado por Galicia sobre as bonificacións aos combustibles. Estas reunións súmanse ás xa celebradas a finais do ano pasado con outros altos cargos da Comisión Europea co obxectivo de defender os intereses da frota galega ante os debates existentes sobre as bonificacións dos combustibles.
Rosa Quintana mantivo encontros en novembro coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e con representantes das direccións xerais de Fiscalidade e Unidade Aduaneira (DG Taxud) e de Competencia (DG Competition). A elas sumouse unha xuntanza por videoconferencia co responsable da Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea (DG Trade), Ignacio García Bercero. A maiores, a comunidade remitiu o informe sobre as bonificacións dos combustibles tanto á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación como á Representación Permanente de España ante a Unión Europea.
O obxectivo deste traballo, subliñou a conselleira do Mar, é advertir do posible impacto das propostas da OMC e CE para gravar máis o combustible profesional na pesca, o que poría en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego. Neste sentido, expuxo, a comunidade galega busca que estas aportacións sexan tidas en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións e sexan conscientes do impacto que as súas decisións poden ter no sector pesqueiro galego.
A titular de Mar lembrou que unha maior presión fiscal sobre os carburantes complicaría o mantemento da actividade pois polo momento non hai combustibles alternativos para substituír o gasóleo que garantan unha maior protección do medio ambiente e permitan o desenvolvemento da pesca en condicións de rendibilidade.