Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado en Fitur o Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022–2024 da Mancomunidade

A Mariña, 21 de xaneiro de 2022. A Mancomunidade de Concellos presentou esta mañá en Fitur o Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022–2024. No acto interviñeron o presidente do ente, Fran Cajoto, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Durante a presentación proxectáronse distintas gráficas e un vídeo resumo do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense composto por 5 eixos programáticos, que á súa vez engloban 18 liñas de actuación cunha inversión total de 2,225 millóns de euros, que xorde do convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, e para o que a Deputación de Lugo apoiará ao ente supramunicipal e aos Concellos no 10,11% da achega que lles corresponde cunha aportación de 81.000 euros, financiando o 44,94% a SETUR e outro 44,94% a Axencia de Turismo de Galicia.

O presidente da Mancomunidade subliñou que “o PST é unha verdadeira oportunidade para establecer un marco estratéxico de traballo e afrontar con éxito o desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense, ten por obxectivo principal promocionar un turismo respectuoso co territorio, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica, especialmente nas áreas rurais dos distintos concellos, que garanta o desenvolvemento dun modelo rendible no tempo para un destino cunha visión do turismo a longo prazo”.

Así mesmo dende o mércores, 19 de xaneiro, o ente supramunicipal estivo a manter reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino, coñecer os servizos que ofrecen na Mariña Lucense, ampliar a presenza nos seus programas e a inclusión do xeodestino entre a súa oferta, sempre que sexa posible. Tamén se desenvolveron reunións para coñecer casos de boas prácticas noutros destinos, empresas especializadas e tecnoloxías con posibilidade a aplicar no territorio.

Ao acto desenvolvido esta mañá asistiron, entre outros, varios alcaldes da Mariña, así como representantes doutras administracións e empresarios da comarca.

Exit mobile version