Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reclaman á Xunta que resolva o déficit de máis de 14.000 prazas en residencias de persoas maiores que existe en Galicia

Lugo, 22 de xaneiro de 2022. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario do vindeiro martes unha moción na que reclama á Xunta que desenvolva unha rede de residencias públicas que resolva o actual déficit de máis de 14.000 prazas neste tipo de centros que existe en Galicia, e que cumpra deste xeito coa ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos.

Na proposta, o PSdeG solicita ao Goberno galego “que asuma as súas obrigas competenciaIs e, cando menos, financie a rede de residencias públicas da Deputación de Lugo”, ademais de “mellorar o desenvolvemento do sistema de servizos sociais para garantir que os dereitos dos cidadáns se convertan nunha cobertura real das necesidades”.

Os socialistas presentan esta iniciativa despois de que a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais publicase un informe no que constata que Galicia ten un déficit de 14.331 prazas en residencias, segundo a ratio de 5 prazas por cada persoa de máis de 65 anos que recomenda a OMS.

Segundo os datos da asociación, Galicia é a terceira CCAA cun maior déficit en prazas de residencias públicas, ocupando o posto número 13 no desenvolvemento do sistema de Servizos Sociais, cunha valoración de 4,5 no índice DEC que mide a relación entre os dereitos e o esforzo económico e de xestión que se realiza para garantir a cobertura real das necesidades das persoas. De acordo cos profesionais, no ano 2020, o esforzo da Xunta estancouse ou mesmo retrocedeu –a pesar da pandemia– e a valoración que merece o sistema galego é “débil”. Como ben di a Asociación, córrese o risco de que os dereitos recollidos na lexislación sobre dependencia se convertan en “dereitos de papel”, sen cobertura real garantida.

O PSdeG afirma que a mellor proba “da inacción da Xunta” apórtana as cifras de prazas de residencia dispoñibles ó longo dos anos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. No ano 2010, Galicia contaba con 20.432 prazas de residencia dispoñibles. En 2020, o número baixara a 20.371. Na década 2010/2019, en España aumentaron nun 5,5% as prazas en residencias de maiores, mentres que en Galicia caeron case un 3%.

Os socialistas advirten que os datos tamén indican que “Galicia é a terceira en tamaño medio de residencias, con 103 prazas, o que amosa a aposta por un modelo masificado, centrado na procura do beneficio económico das empresas do sector privado promovido polo PP, e que non garante nin a digna atención dos maiores nin as adecuadas condicións laborais dos traballadores”.

A Deputación de Lugo abriu 7 residencias
Mentres a Xunta de Galicia non abriu nin unha soa residencia pública nos 12 anos de Goberno de Feijóo, o PSdeG lembra que a Deputación de Lugo, con 125 menos orzamento que a Administración autonómica e sen ter as competencias nesta materia, abriu 7 centros públicos de atención a maiores, “sen recibir nin euro da Xunta, nin para a construción nin para o funcionamento”.

Exit mobile version