Site icon Crónica3.com A Mariña

OPP Burela declara o “amor ao mar” no seu calendario saudable 2022

Burela, 7 de xaneiro, 2022. Despois da “Fórmula da Felicidade” en 2021, este ano a OPP-7 Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela declara o seu “Amor Ao Mar” como continuidade á campaña “Cuando zarpa el Amor” de promoción da “Merluza de Burela” que se lanzou nos últimos meses proclamando o amor ao mar, á tradición pesqueira e ao sabor dos produtos do mar.

A OPP do Porto de Burela presenta o seu novo Calendario 2022, no que se volve promocionar o consumo de peixe como unha das bases fundamentais dunha vida saudable, acompañando cada mes coa imaxe dunha das principais especies da lonxa de Burela e mensaxes que destacan os beneficios do consumo de peixe na nosa saúde.

Cada mes do novo calendario presenta unha mensaxe extraída de “DIETLÁNTICA”, o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica, que se celebrou o pasado mes de setembro organizado pola Fundación Dieta Atlántica, a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Preséntase o peixe como o “tesouro do mar”, unha fonte excepcional de dieta cardiosaudable: «Non se trata só de vivir máis anos, senón con mellor calidade de vida».

O calendario deste ano 2022 conta coa participación dalgúns profesionais que colaboran coa Fundación Dieta Atlántica, como Rosaura Leis, profesora de Pediatría na USC; GI Nutrición Pediátrica no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS); Nutrición Pediátrica CHUS; Fundación DietaAtlántica USC; Guillermo Aldama López (Unidade de Cardioloxía do CHUAC, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón; Ángel Gil, profesor catedrático de Bioquímica na Universidade de Granada; presidente da Fundación Iberoamericana de Nutrición (FINUT); Fernando Rodríguez-Artalejo, médico epidemiólogo, profesor catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade Autónoma de Madrid; e Gumersindo Feijóo, profesor catedrático de Inxeniería Química na USC; Fundación Dieta Atlántica USC.

Nesta nova edición do calendario aparecen reflexadas de novo as diferentes pesquerías que forman parte das frotas do porto de Burela, como o palangre de fondo en augas europeas, que pesca con anzol unha a unha a pescada do pincho, a cabra de altura, a palometa vermella, a bertorella ou o ollomol; o palangre de superficie no Atlántico, que pesca tamén individualmente o peixe espada e a tintorera; a frota boniteira do Cantábrico, que pesca os bonitos do norte ao Curricán, un a un con anzol; ou as frotas de cerco ou arrastre de litoral do Cantábrico, que traen cada día á lonxa de ABSA especies como a cabala, o xurel, o galo ou o peixe sapo.

Editáronse 4000 exemplares do almanaque, que se está distribuíndo coma sempre entre os socios de OPP Burela e ABSA, a través da Asociación de Exportadores Maioristas de Peixe da Mariña (ADEXMAR), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e de diferentes peixerías locais. A metade destes exemplares distribúense en Madrid e Barcelona entre os socios de FEDEPESCA (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados) e o Gremio de Pescaderos de Barcelona.
Esta acción de promoción inclúese no plan de produción e comercialización anual de OPP-7, coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.

RESUMEN DE FRASES CALENDARIO 2022

• «O peixe e os produtos do mar deben formar parte da dieta desde o embarazo e ao longo de toda a vida» Rosaura Leis
• «Unha dieta saudable con peixe mellora as nosas defensas e reduce o risco de enfermidade» Ángel Gil
• «O peixe na dieta atlántica é un dos segredos da lonxevidade saudable en Galicia» Guillermo Aldama López
• «O consumo de peixe azul asóciase a un envellecemento máis saudable» Fernando Rodríguez- Artalejo
• «Os ácidos graxos omega-3 de cadea longa do peixe favorecen o desenvolvemento neuronal e da retina no neno» Rosaura Leis
• «O peixe ten unha das taxas de retorno de enerxía máis altas» Gumersindo Feijóo
• «O consumo de peixe diminúe a fraxilidade da xente maior e mellora a súa calidade de vida» Fernando Rodríguez- Artalejo
• «Os nenos e os adolescentes deben consumir 3-4 racións de peixe á semana» Rosaura Leis
• «O consumo de peixe axuda á saúde do teu corazón» Guillermo Aldama López
• «A dieta atlántica ten unha baixa pegada de carbono» Gumersindo Feijóo
• «O peixe é unha fonte importante de vitamina D, que contribúe a un menor risco de enfermidades infecciosas» Ángel Gil
• «A inxesta de peixe e o seu ácidos omega-3 reducen a perda de forza coa idade e conservan mellor a función dos membros inferiores» Fernando Rodríguez- Artalejo

Exit mobile version