Reclamamos axilidade a estas dúas Administracións despois de constatar que a empresa mineira Samca (que opera nos montes de Burela e Cervo) comenzou nestes días a transportar en camións as primeiras prospeccións de caolín ata a súa planta de Zamora. A isto hai que engadir tamén a gran cantidade de camións de madeira que atravesan regularmente o centro urbano burelao procedentes dos montes de Rúa, San Román, Trasbar, Ferreira, etc… ata a planta asturiana de Ence en Navia e tamén ata o porto de Burela.
Levamos anos advertíndolles aos distintos partidos políticos da necesidade de acometer un estudo técnico para habilitar un acceso que descargue de tráfico pesado o núcleo urbano do noso pobo.
Nestes dous últimos anos formulamos esta petición en entrevistas con representantes provinciais do PSdeG (Patricia Otero) e do PP (Elena Candia); e tamén cos responsables do Goberno local (con estes últimos en distintas ocasións). En todo este tempo so temos recibimos boas palabras pero ningún destes cargos públicos ten feito nada ao respecto; e mentres, vemos a diario como o tránsito de camións se multiplica nas nosas rúas (non hai máis que dar unha volta por zonas da nosa vila como a da Igrexa e pola avenida Arcadio Pardiñas para comprobalo).
Solicitude de Entrevistas con Deputación e Concello
Como mostra do desdén dos nosos responsables políticos por este problema queremos lembrar que o noso alcalde comprometerase publicamente a mediados de novembro do 2020 a abordar este asunto diante da Deputación durante a firma do convenio entre a Comunidade de Montes de Burela e a empresa mineira Samca para a explotación dunha extensión dos montes en man común.
Que nós saibamos dende aquela data o señor Llano non fixo absolutamente nada ao respecto, e si o fixo non o deu a coñecer a ninguén.
Por iso, imos solicitarlle por escrito unha entrevista para esixirlle que dunha vez por todas pase das palabras aos feitos e todos os grupos que forman a Corporación municipal tomen cartas no asunto e se poñan a traballar para atallar un problema do que levamos advertíndolles hai anos.
Tamén imos solicitar por escrito unha entrevista urxente co Presidente da Deputación (que tamén é o responsable das estradas de competencia provincial) para darlle a coñecer cal é a situación, xa que nin os seus compañeiros de partido nin tampouco os partidos da oposición fan nada ao respecto.
Somos conscientes de que a construción dun enlace para conectar a estrada provincial LU-P-5102 coa N-642 para derivar este tráfico pesado do núcleo urbano da nosa vila é unha obra que require de moitos estudios e se pode alargar moito no tempo; pero hai que lembrar que xa levamos máis de dous anos perdidos agardando a que os nosos políticos reaccionen e non estamos dispostos a agardar máis.
Eles son quen teñen as competencias e eles son os que deben de traballar para buscar unha solución. Nós, como asociación que representa aos veciños e veciñas de Burela, demandámosllo e esixímosllo.