Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG esixe á Xunta que garanta o ensino público e de calidade no rural da provincia

Lugo, 23 de xaneiro de 2022. O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá o vindeiro martes, a través dunha moción no Pleno da Corporación, emprazar á Xunta a garantir o ensino no rural lucense, e demandan que se se recupere a asignatura de francés no IES de Becerreá, tal e como solicita o profesorado e o alumnado do centro.

Nesta proposta, reclaman que se atendan as reivindicacións sobre falta de profesorado, agrupacións inadecuadas de alumnos/as e semellantes, como xa denunciou a comunidade educativa lucense dende principios de curso.

O PSdeG solicita adoptar as medidas necesarias para garantir que o ensino público no rural achegue a nenos e nenas, rapaces e rapazas, unha oferta educativa en pé de igualdade da que dispoñen os seus compañeiros e compañeiras das cidades.

As alumnas e alumnos do IES de Becerreá saíron á rúa dende principios de curso para demandar que se poida impartir a clase de francés neste centro educativo. “E xa son un símbolo da contestación social que xera en Galicia o ataque ó ensino público que leva a cabo a consellería de Educación e a Xunta de Galicia. E tamén un exemplo do rexeitamento, alto e claro, que a sociedade galega amosa ante unha xestión que ignora a realidade galega e quere impoñer un modelo de dúas velocidades, cun ensino rural con menor oferta, menos materias, menos profesorado e, xa que logo, menos oportunidades para os rapaces e rapazas do rural”, aseguran os socialistas na proposta.

Mínimo 5 alumnos
A decisión da Xunta xorde da aplicación dunha norma “incomprensible e lesiva” para os nenos e nenas do rural, que establece a eliminación das optativas que non acaden un mínimo de 5 alumnos/as. “Unha medida que amosa un descoñecemento absoluto da demografía do rural e, xa que logo, do propio concepto de optativa”, afirman os socialistas, que advirten “que a decisión de suprimir esta optativa e facelo sen avisar, a comezos de curso, e nunha materia que puntúa na Abau, é un desprezo ó alumnado, ás familias e ós docentes”.

Becerreá, As Nogais ou Chantada
O acontecido en Becerreá non é, por desgraza, un caso illado, recorda o PSdeG, que lembra que a principios de curso, “os e as socialistas lucenses denunciamos a falta de previsión da Xunta, ó non manter as contratacións de reforzo aínda que persistían os condicionantes fixados pola pandemia. A situacións como a de Becerreá súmanse, por desgraza, o peche unilateral do colexio de Baamonde, a agrupación de alumnos/as en contra dos propios criterios fixados pola Consellería en As Nogais, ou a redución de docentes no IES Lamas das Quendas en Chantada, por citar so algúns exemplos”.

“Dende o PSdeG defendemos, coma sempre o fixemos, un ensino público, universal e de calidade, que garante unha igualdade de oferta e oportunidades para os rapaces e rapazas da provincia, con independencia do seu lugar de residencia”, remarcan.

O único IES da Comarca dos Ancares
Ademais, cumpre lembrar que o de Becerreá é o único IES da comarca dos Ancares. No resto de centros da zona, a formación só chega a 4º da ESO. Ten 50 alumnos e dá servizo a cada vez máis concellos da zona. “Como se entende este ataque do Goberno do PP ao alumnado do rural lucense?. Ou queren que o alumnado teña que vir obrigatoriamente facer o bacharelato a Lugo?”, pregunta o PSdeG.

Exit mobile version