A concelleira de Cultura, Pilar Otero, explicou que “son dous obradoiros. O primeiro deles está dedicado a crianzas de 1 a 3 anos e vai ser este próximo sábado, 29 de xaneiro, de once a doce e media. Todas as familias interesadas poden xa comezar a inscribirse na oficina de Cultura, no horario de apertura, na Casa do Viejo Pancho. O seguinte dos obradoiros é para crianzas un pouco maiores, de 3 a 6 anos, o 5 de febreiro de doce a unha e media”.
A edil convida “a todas as familias a que veñan e desfruten destes dous obradoiros con María Novo a quen xa coñecemos, temos a sorte de ter esta educadora aquí en Ribadeo e imos aproveitala todo o que poidamos. Así que convidamos ás familias a vir, son obradoiros gratuítos, subvencionados pola Concellaría de Cultura”.
A educadora María Novo contou que “tanto nas Instalacións como nos Minimundos nós imos darlles ás familias asistentes un dossier con toda a información máis detallada para que eles poidan dar continuidade a estas propostas de xogos. Tanto os Minimundos como as Instalacións estanse empezando a levar a cabo en moitos espazos e parécenos que é unha proposta moi atractiva para as crianzas e é unha nova maneira de xogar e de desfrutar ao mesmo tempo tanto educadores como as familias e os nenos e as nenas”. E subliñou que “en ambos casos prima o uso de materiais de refugallo. Aproveitando un paseo, incluso pola praia, recollemos materiais e despois creamos minimundos. Todo isto vai na liña das pedagoxías activas nas que o fundamental é a reciclaxe e a reutilización, e unhas mesmas pezas poden servirnos para infinidade de creacións de minimundos e nas instalacións”.
María Novo indicou que “as Instalacións son espazos de xogo nas que se presentan diferentes obxectos de distintos materiais onde os nenos e nenas poden explorar, manipular e construír libremente. Os obxectivos son: gozar dunha nova experiencia de xogo e aprendizaxe, fomentar o xogo simbólico distinto e atractivo para o alumnado, experimentar as distintas posibilidades de acción que o espazo ofrece por medio da instalación, fomentar a imaxinación e a creatividade a través da manipulación dos obxectos e a súa interacción no espazo e favorecer a socialización. Os Minimundos son unha proposta de xogo baseada na recreación de escenarios da vida cotiá ou hábitats reais ou imaxinarios a pequena escala. É un xogo deseñado para manipular, unha actividade multisensorial de descubrimento, unha oportunidade para que as crianzas desenvolvan o seu xogo simbólico, a creatividade dunha forma lúdica e por tanto, favorecer o xogo libre”.