Lugo, 14 de xaneiro de 2022. A directiva provincial do PP mantivo o pasado xoves a súa primeira reunión deste ano. A presidenta provincial, Elena Candia; o secretario xeral, Javier Nodal, e o coordinador xeral e voceiro, José Manuel Balseiro, deron a coñecer o inicio dos congresos das agrupacións locais, co obxectivo de fortalecer a estrutura do partido para alcanzar os grandes obxectivos establecidos, entre eles a recuperación dos gobernos da Deputación e do Concello de Lugo.
A presidenta provincial, Elena Candia, sinalou que o PP lucense comeza o ano máis forte, reilusionado e traballando para mellorar a organización “para conseguir os nosos obxectivos”. A directiva tivo un recordo especial para Manuel López, o concelleiro lucense e membro da directiva recentemente falecido.
Candia deu a coñecer “os vindeiros congreso locais que están fechados e que se celebrarán nos próximos días, co obxectivo de que as agrupacións locais estean máis fortes, con máis xente e mellor organizadas”. Sinala que “en todas as estruturas dende os concellos máis pequenos, dende as agrupacións con menos militancia ás máis grandes, precisan estar perfectamente organizadas e sumar para convencer”.
A presidenta provincial explicou: “O primeiro congreso celebrase hoxe, no concello de Friol, ás seis da tarde. Tamén se celebrarán o sábado, 22, en Baralla; o mércores, 26, en Muras; 28, en Sober, Sábado, 29, no Páramo; venres, 11, en Baleira, e o sábado, 12 de febreiro, en A Fonsagrada. Temos que poñer en marcha os equipos para abordar nas mellores condicións as vindeiras citas electorais, moi especialmente para atender ás demandas dos veciñas e veciñas. Tamén para a defensa da nosa provincia nos asuntos que máis preocupan, porque o Partido Socialista está sendo destrutor para a provincia de Lugo”.
Pola súa parte, Javier Nodal destacou que “un dos obxectivos que se fixou esta dirección é o de recuperar a Deputación provincial. É necesario levar a cabo o cambio político”. Outro obxectivo prioritario é “recuperar o goberno do Concello de Lugo, no que dende 1999 goberna o PSOE, xunto co BNG”. No Concello de Lugo ve “unha ineficacia evidente; o problema é de falta de dirección política, xa que os traballadores teñen un alto nivel de formación e están implicados nas súas tarefas diarias”.
Por outra banda, Nodal destacou que “outro dos obxectivos é a apertura da sede do PP aos colectivos e as persoas da sociedade civil que teñen algo que aportar”. Lembrou que xa deu unha conferencia Marta Pinillos e anunciou que “o 27 estará Manuel Arenilla Sáez, catedrático da Universidade Rey Juan Carlos, funcionario de carreira do Corpo Superior de Administradores Civiles do Estado e que foi director do Instituto Nacional de Administración Pública, que falará de La Administración Digital. Los riesgos de la desintermiediación, las escisiones y las centralizaciones.
Polo seu lado, José Manuel Balseiro destacou que se inicia un tempo de congresos de reunións pola provincia. Sinalou: “Isto vén a reforzar ao partido, que é o máis importante que hai, porque nas institucións estase ou non se está, pero o partido ten que continuar. Un partido forte dá seguridade ás institucións”.
Das iniciativas dadas a coñecer, Balseiro dixo que se trata de “organización e planificación”. Engadiu: “Ter un mes adiantado todos os actos que se van celebrar na provincia, ou boa parte deles, é moi importante. Isto fortalece o partido, e a forma de facelo e facendo novos equipos, complementando xuventude con experiencia para que as cousas funcionen”. Manifestou: “A pretensión do partido é conservar todas as alcaldías que ten e ganar todas as que se poidan ganar a maiores”. Destacou que “calquera concello é importante para calquera partido, dende o de Negueira de Muñiz ao de Lugo”. Engadiu: “É o momento de fortalecer o partido; non toca falar de candidatos, sería un erro porque estamos a ano e pico das eleccións. Para poder falar de candidato este é o primeiro paso: hai que fortalecer o partido e cando estea ben fortalecido nas agrupacións, entre todos elixiremos aos candidatos”.