Site icon Crónica3.com A Mariña

“O PP e o centro de saúde de Ribadeo”, por Dores Fernández Abel

O PP de Ribadeo está a desenvolver una intensa campaña de comunicados e propostas, a cada cal máis estentórea, pero tamén máis oca. Un exemplo claro témolo na proposta de construción dun novo centro de saúde. Sendo certo que Ribadeo precisa dun centro de saúde máis propio destes tempos, o principal problema é que o actual está infrautilizado, pois non se dota de todo o persoal necesario para prestar os servizos que nel se deberían ofrecer (e mesmo non se cobren as baixas laborais). Para ocultar esta situación, o grupo municipal do PP proponnos a construción dun novo centro de saúde máis amplo, con máis salas técnicas, para docencia, polivalentes, para atención á muller, de hixiene dental, coordinación, sala de estar de persoal… Faltoulle presumir tamén de que vai ter varios recibidores. En fin! Pura aparencia chea de grandilocuencia para esquecer a cuestión que nestes momentos máis nos aprema: máis persoal, e en mellores condicións laborais. Pero co goberno do señor Feijóo, que relixiosamente apoia o señor Daniel Vega, para o persoal sanitario (e o de todos os servizos públicos) cada vez hai menos recursos.

Todas e todos nós temos padecido esa falta de persoal nos últimos tempos, tendo que agardar días e días por consultas en medicina de familia (moi saturada), ou acudir a un especialista. É ben curioso que o grupo municipal do PP prometa unha sala técnica para ecografías, espirometrías, dermatoloxía ou cirurxía menor, cando a que hai actualmente no Hospital da Mariña só atende dous días á semana. Ve o grupo municipal do PP de Ribadeo como semellan promesas ocas?! Ou é que nos queren facer crer que Ribadeo vai ser a repanocha mundial en instalacións sanitarias cando o goberno da Xunta nin sequera é quen de garantir que ese servizo funcione axeitadamente para toda a Mariña? Non se pode confundir atención sanitaria con infraestruturas. Estas últimas fan falta para poder atender á xente. Pero instalacións sen persoal son coma un autobús sen chofer. Queren desviar a atención cara a promesas futuras sen atender debidamente o actual centro de saúde. Ou acaso non vemos que, aínda con teren ampliado o Hospital da Mariña, temos que ir cada vez máis veces a Lugo, ao HULA?

Se nos fixarmos nos orzamentos da Xunta veremos que non hai neles nin un só euro destinado a ese futuro centro de saúde. Non se decatan, señoras e señor concelleiros do PP, de que pode pasar o mesmo que ocorreu coa residencia da terceira idade, co arranxo do campo de fútbol, ou coa estrada dos Garitos? Por toda Galiza vemos como aumentan as protestas polo desmantelamento da sanidade pública, para a que os orzamentos deste ano diminúen en 2 millóns de euros. Cada vez hai menos recursos. E a cincenta desta situación de recorte xeral está a ser a atención primaria, que nestes momentos de pandemia, aínda empeora máis, chegando ao colapso.

Ante esta situación, o goberno municipal do BNG está a adoptar, como sempre fixo, unha actitude construtiva. Calquera oportunidade que poida traer consigo a posibilidade de mellorar o noso benestar, veña de onde veña esa achega, alí estará para buscar a maneira de sacar adiante calquera idea que poida supoñer melloras para a veciñanza ribadense. Velaí están as cinco propostas de posíbel ubicación dese novo centro de saúde. Agardamos da Xunta de Galicia esa mesma actitude construtiva. Iso si: non podemos esquecer que, canda as infraestruturas ten que vir o persoal encargado de lles dar vida. Persoal que demandamos xa para o actual centro de saúde, con independencia de calquera proxecto futuro que se poida poñer en marcha.

Dores Fernández Abel
Responsábel local do BNG de Ribadeo

Exit mobile version