Viveiro, 18 de xaneiro de 2022. En novembro de 2018, o río experimentou unha gran crecida en Xunqueira e levouse por diante a estrada que sirve de acceso a A Carreira dende Magazos. É unha estrada de titularidade municipal e, dende entón, os veciños de A Carreira teñen que facer moitos máis quilómetros por outra vía que tamén presenta deficiencias, porque o Concello non fixo as reparacións necesarias. Representantes do PP, tanto concelleiros como membros da directiva do partido no ámbito local, mantiveron unha reunión cos veciños e anuncian a presentación dunha iniciativa no próximo pleno para que o Concello proceda sen máis demora a amañar esta vía. Os populares pediron reiteradamente, dende que ocorreu o desbordamento, a reparación da estrada e apoiaron as demandas dos veciños.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, di que os veciños de A Carreira están moi enfadados co Concello porque non considerou importante ata o momento, dende o 2018, a reparación da estrada. Esta situación, destaca Rodríguez, provoca numerosas molestias aos residentes en A Carreira. Rodríguez sinala: “É inaudito que o goberno que preside a señora Loureiro faga tal demostración de desinterese polos veciños de A Carreira; non se entende. Imos instar ao goberno local a facer cantos antes os trámites necesarios para executar sen máis demora a reparación desta vía”.
Para os populares, “este é un exemplo da ineficacia do goberno local á hora de solucionar os problemas dos veciños; a alcaldesa Loureiro ten que abandonar a súa zona de confort e poñerse a traballar”.