Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz reclama un plan para a mellora das estradas municipais

Foz, 19 de xaneiro de 2022. Moitas das vías municipais de Foz atópanse en moi mal estado, como poden comprobar cada día os veciños que padecen as numerosas e graves deficiencias que presentan os seus pavimentos. As estradas, especialmente polas parroquias, están moi descoidadas, moi deterioradas. O grupo municipal do PP reclama do Concello que planifique os investimentos necesarios para mellorar as vías que son titularidade do Concello. Os populares demandan “un plan de estradas para tratar de paliar todas as deficiencias”.

O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, sinala: “O Concello de Foz ten que tomar medidas, fundamentalmente dúas, que son relativamente fáciles de poñer en práctica”. Explica: “A petición que fai o PP e, en primeiro lugar, que, por un lado, o investimento nas estradas se faga a cargo do 80% dos arredor de 430.000 euros que recibe o Concello da Deputación por medio do Plan Único; hai que ter en conta que as vías locais son fundamentais para facilitar a vida aos nosos veciños”.

Por outro lado, Castiñeira di que o resto do investimento nas vías municipais debe proceder do propio orzamento do Concello para o ano en curso. Lamenta que, un ano máis, “temos iniciado o exercicio e, como xa é costume no equipo de goberno, aínda non presentou o orzamento (acostuma a presentalo a metade de ano)”. Urxe ao goberno local a tramitar o orzamento “con moita máis présa” e considera que “habería que estar traballando xa”.

Castiñeira explica que “dende o PP seguimos facendo oposición construtiva e propoñendo”.

Os populares destacan que a rede viaria local é fundamental e que “os investimentos, tanto a cargo do Plan Único como do orzamento municipal do 2022, deben ir encamiñadas a mellorar as estradas municipais e facilitar a vida aos veciños da parroquia, que levan dous anos abandonados polo bipartito focense (PSOE e BNG)”.

Exit mobile version