Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela solicita ao Concello un recoñecemento público do ex alcalde, Arcadio Pardiñas, con motivo do 40 aniversario do seu pasamento

Burela, a 13 de xaneiro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela solicita ao Concello, a través dunha moción, que homenaxee ao que foi alcalde de Cervo, Arcadio Pardiñas, co fin de poñer en valor “a súa inestimable aportación ao desenvolvemento do municipio”.

Neste senso, e a efectos de facer visible este recoñecemento, os populares piden que se faga “un acto público e sinxelo” que podería consistir na colocación dalgunha placa nalgún dos lugares onde aparece identificada a avenida que leva o seu nome; en segundo lugar, facerlle entrega dunha distinción ás fillas do ex rexedor; e, en terceiro lugar, a celebración dun encontro no que se traslade o posible acordo plenario.

Dende o Grupo Municipal do PP consideran “necesaria” esta homenaxe porque “a Burela de hoxe en día non se entende sen a transformación dos anos 50, 60 e 70, cando era Pardiñas alcalde, e o impulso das actividades pesqueira, arxilas, madeira, construción ou da actividade comercial ata converter a Burela nun referente de toda Galicia”.

Froito do traballo de Arcadio Pardiñas tamén é o incremento de poboación censada, que pasou dos 1.500 en 1955 a 3.774 en 1976. “Multiplicouse en vinte anos o número de habitantes. Non sería de xustiza non atribuír este auxe ao que foi alcalde de Cervo no século pasado, así como ás distintas Corporacións que presidiu”, conclúen os populares.

Exit mobile version