Burela, a 3 de xaneiro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela lamenta que “o goberno local do señor Llano teña sen cubrir 49 expedientes referidos a outras tantas persoas que solicitaron o Servizo de Atención no Fogar (SAF) en Burela”. O voceiro, Manuel Rouco, explica que “o caso tórnase dunha gravidade maiúscula no caso das 3 persoas con dependencia total e das 12 con dependencia severa entre esas 49 persoas que se atopan sen asistencia”.
“Cónstanos que esta situación non é debida á labor desempeñada polas técnicas municipais encargadas deste servizo no Concello; xa que dende hai moitos anos están a realizar un traballo excelente. Por iso, non podemos entender por que dende a concellería de servizos sociais, dirixida por María del Carmen López, non se solicita a colaboración da Xunta de Galicia para que se concedan máis horas mensuais para estas persoas”. A este respecto, defenden “a importancia da colaboración entre administracións para facilitar a atención ás persoas que o precisan para poder desenvolver con certa normalidade a súa vida diaria”.
O voceiro cre que, “igual que se fixo noutros concellos similares a Burela, a Xunta de Galicia non vai poñer ningunha traba para atender ás 49 persoas que o solicitaron e que, ata agora, non contan co servizo. Pero, para iso, é necesario que o Concello solicite á Xunta máis horas de atención”, incide Rouco.
Os populares bureleses cren que “non hai mellor inversión que facelo nas persoas” e, polo tanto, cren que sería oportuno que dende o goberno local presentaran canto antes un proxecto para que, de inmediato, os veciños e veciñas de Burela que agora están desamparados, teñan a cobertura deste servizo que merecen”.
Horas asignadas e achegas da Xunta
O Grupo Municipal Popular explica que a Xunta incrementou 4.044 as horas asignadas ao Concello de Burela que permitirán estender o SAF a máis fogares e aumentar o número de horas das persoas que xa dispoñen desde servizo.
Rouco destaca, así mesmo, que “a Xunta acaba de incrementar tamén a contía coa que financia a hora de axuda no fogar ata os 11 euros por hora, que medrará progresivamente ata alcanzar os 12 euros por hora no 2024”. Así, o Goberno autonómico achegará ao Concello neste 2022 un total de 416.196 euros para financiar o total de 37.836 horas asignadas ata o de agora.