Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela lamenta “as formas de Llano” ao non convidar a tódolos grupos da corporación á entrega da medalla á cronista oficial

Burela, a 5 de xaneiro de 2022. O Grupo Municipal Popular de Burela lamenta “as penosas formas do señor Llano”. Así o manifesta o voceiro, Manuel Rouco, en relación á entrega da medalla conmemorativa á cronista oficial, dona Herminia Pernas, á que lle traslada a súa noraboa; xa que os populares non puideron facelo en persoa de forma oficial ao non seren convidados ao acto.

Dende as filas populares non cuestionan a idoneidade da entrega desta medalla conmemorativa ao consideralo “un detalle que merece a recentemente nomeada cronista oficial. O que si cuestionamos son as formas empregadas polo alcalde ao tratar, unha vez máis, de empregar politicamente a figura de cronista oficial”.

Rouco lembra que “este nomeamento foi aprobado por unanimidade da corporación municipal no seu día e, sen embargo, á entrega da medalla, ata onde nós temos constancia, non foi convidado ningún dos outros grupos que conforman a mesma. O axeitado sería ter convidado aos distintos grupos da corporación que son, en definitiva, os representantes de tódolos veciños de Burela”. Deste xeito, “daríase unha imaxe de unidade en torno da figura da cronista oficial”, apunta.

“Acto unilateral intencionado”
O popular apunta a unha “clara intencionalidade” o feito de que “os únicos presentes para a entrega foron o señor Llano e algúns dos seus compañeiros de filas. Con este acto unilateral, intentan monopolizar a figura da cronista oficial do Concello tratando de gañar a simpatía dos máis afíns á mesma”.

Rouco advirte de que “o señor Llano xa hai tempo que iniciou a súa particular campaña preelectoral intentando desviar a atención da súa total ausencia de proxecto para Burela no que vai de mandato. Esperamos e desexamos que as formas do señor Llano e do seu equipo de goberno de aquí á fin do presente mandato cambien polo ben institucional do Concello de Burela”.

Exit mobile version