Neste sentido, os titulares de Distintivos de Acceso Restrinxido ao casco antigo que desexen renovar a súa vixencia para o presente ano deben presentar no rexistro municipal unha nova solicitude. Deberán realizalo mediante a instancia facilitada nas dependencias municipais, á que se axuntará unicamente a documentación que non conste no expediente do ano anterior ou estea caducada.
Segundo o establecido na Ordenanza citada, en vigor o 25 de xaneiro de 2021, pódense solicitar estes Distintivos de Acceso Restrinxido para os seguintes supostos:
Usuarios de garaxes (Distintivo G).
Titulares de establecementos comerciais (Distintivo EC).
Servizos de distribución e reparto (Distintivos D e DP)
Mercado semanal (Distintivo M)
Acceso a persoas con dificultades de mobilidade temporal ou definitiva (Distintivo MR)
Servizos esencias para a comunidade (Distintivo S)
Residentes (Distintivo R).
Empresas de servizo de comida rápida, reparto asistencial de comida a domicilio, reparto urxente de menciñas (Distintivo RR).
Obras (Distintivo O)
Eventos e celebracións (Distintivo EV)
Autorizacións extraordinarias (Distintivo EX).
Dende o Concello de Viveiro quérese lembrar que esta ordenanza foi elaborada co consenso de todos os grupos municipais co obxectivo de regular o tráfico dentro do casco antigo de Viveiro.
Na súa elaboración, tívose en conta que esta área se considera peonil na súa totalidade e que actualmente está protexida polo Plan Especial de Protección Interior (PEPRI). Ao mesmo tempo, regúlanse os accesos necesarios para residentes, usuarios de garaxes, titulares de establecementos comerciais, repartidores, obras e demais supostos recollidos na mesma.
Esta normativa fíxose coa pretensión de mellorar e dotar de maior seguridade a todas aquelas persoas que transitan polo interior do casco antigo, sabendo que o acceso de vehículos está regulado e restrinxido a unhas determinadas franxas horarias, salvo excepcións.
Compatibilízase deste modo o seu carácter peonil coa actividade comercial ou hostaleira existente. Ademais, regúlanse outros supostos que poden motivar a necesidade de acceder con vehículos ao casco antigo, establecendo para cada caso os requisitos esixidos e as condicións para o acceso.
Finalmente, quérese incidir na necesidade de dar cumprimento ao establecido nesta ordenanza para o que, por parte do Concello, se continuará realizando un seguimento. Lémbrase, asemade, que poden realizarse consultas ou resolver dúbidas con respecto a esta ordenanza ou á tramitación dos distintivos de acceso nas oficinas municipais.