O prazo de presentación de solicitudes é dun mes dende hoxe. A concesión das axudas será en concorrencia competitiva e os promotores en ningún caso poderán ter iniciados os investimentos antes da data da solicitude.
Os posibles beneficiarios son as microempresas e pequenas empresas ubicadas en zona rural, as persoas físicas que residan nunha zona rural, e os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas, desenvolvendo o seu proxecto na propia explotación
Os proxectos deben ter un orzamento elixible superior a 10.000 euros e inferior a 220.000 euros. No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 e 100.000 euros, respectivamente.
Poden acceder as industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais; as empresas que transforman e comercializan produtos agrarios; as que se adican á prestación de servizos en calquera sector económico ou á prestación de servizos sociais; actividades de ocio, recreativas e deportivas; artesanía e actividades artesanais; actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico; actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria, e comercio polo miúdo.
Con carácter xeral, será subvencionable a compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para desenvolvemento da actividade produtiva da empresa. O importe da axuda é do 45% dos gastos subvencionables.
Para calquera dúbida: infoagader@xunta.gal ou nos teléfonos 981547382 – 981547369 – 981542690.
Máis info: www.xunta.gal/diario-oficial-galicia