Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Muras pide responsabilidade social ás eólicas

Muras, 15 de xaneiro de 2022. O rexedor murense fixo estas declaracións onte, 14 de xaneiro, na presentación do estudo encargado a dous investigadores e docentes da Universidade de Vigo sobre o impacto que teñen os parques eólicos no municipio chairego, o que máis aeroxeradores ten en Galicia. A media que percibiron os mureses polo alugueiro dos seus terreos para a colocación dos muíños é do 1,5%, moi inferior ao resto de Galicia, porque noutras zonas é do 3%. Por riba dende 2010 a Xunta recadou nos parques eólicos de Muras 2,2 millóns de euros, dos cales o Concello só percibiu unha cuarta parte, 500.000 euros ao ano.

“Os nosos veciños e veciños están igual ca antes malia o impacto que veñen sufrindo”, continuou denunciando Requeijo. “Non hai ningún concello en toda España que se mova nas cifras de Muras: 1,6 MW por quilómetro cadrado instalados, cando a media da comunidade galega son 0,14 MW”.

Os autores de “Enerxía eólica en Muras: análise do seu impacto territorial, económico, ambiental e enerxético” son Xavier Simón e María Montero, docentes de Economía Aplicada e Macroeconomía na Universidade de Vigo e expertos en renovables. Os dous forman parte do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade, equipo que traballa para mudar o sistema socioeconómico poñendo o foco nas persoas e as comunidades e cunha dimensión ambiental e social. Tamén lidera o Observatorio Eólico de Galicia, o OEGA, que leva máis de 10 anos estudando os procesos vinculados cos parques eólicos no mundo rural galego. “Terra Chá é motor da enerxía eólica en Galicia pero desgraciadamente esta nova renda non permitiu correxir os problemas estruturais en poboación, renda, emprego, non atopamos indicadores que nos permitan afirmar que houbo unha relación positiva entre investimentos eólicos, produción de enerxía renovable e cambio nas condicións de vida dos veciños”, dixo Xabier Simón.

O Concello murense repartirá exemplares do estudo a cada familia que sirva como ferramenta á hora de enfrontarse ás grandes compañías enerxéticas. “O libro suporá un antes e un despois do que é a enerxía eólica en Galicia e nos vai dar ferramentas cara ao futuro. Toca un novo reparto do canon éolico galego”, concluiu o rexedor Requeijo, que estivo acompañado na presentación ademáis de por Xabier Simón, polos concelleiros Belén Chao e Mario Rouco.

Exit mobile version