Cervo, 13 xaneiro de 2021. Este pasado mércores, o rexedor Alfonso Villares mantivo unha reunión cos gandeiros do municipio, co obxectivo de abordar a instalación dunhas antenas que permitan darlle cobertura á aplicación RUMI, un sistema de monitorización por GPS para gando vacún.
Á reunión acudiu un dos fundadores da empresa tecnolóxica creadora de RUMI, onde lles explicou aos presentes o funcionamento da aplicación e as melloras que se derivarían da súa implantación.
A aplicación funciona mediante uns colares, colocados nos animais, que transmiten diferentes datos ás antenas estratexicamente colocadas, que á súa vez reproducen os datos no programa. Coa recolección destes datos podemos coñecer diferentes aspectos dos animais, como a súa localización actual, o seu movemento nos últimos días, a detección do celo e, incluso, notifica cando os animais se poñen de parto.
Declarou o alcalde Alfonso Villares: “coa colocación destas antenas ofrecémoslle aos nosos gandeiros e gandeiras a posibilidade de contar con RUMI, unha aplicación que pretende incrementar a calidade de vida e a rendibilidade das ganderías, mellorando o benestar animal mediante a análise de datos”.
Engadiu o rexedor que “desde o Concello de Cervo instalaremos todas aquelas antenas que se precisen para que os nosos gandeiros podan optar a este servizo”.