Neste encontro tratáronse diferentes fórmulas, que teñen como obxectivo dotar á localización dunhas instalacións que permitan, por un lado, facilitar os adestramentos aos deportistas que xa utilizan o embalse de xeito habitual, e por outro, ter capacidade de atracción para que novos padexeiros queiran exercitarse nel.
Na actualidade adestra en Riocobo con regularidade o Club de Piragüismo San Ciprián. O club conta coa cesión de dous habitáculos situados na parcela á beira do embalse, que utiliza como almacén para o seu equipamento, así como vestiarios e unha pequena oficina para acometer diferentes trámites administrativos.
Nestes intres o club local xa conta con máis de 50 padexeiros e padexeiras, que se reparten nas diferentes categorías de base.
Sinala o alcalde Alfonso Villares que “a mellora de infraestruturas deportivas no encoro de Riocobo sería un pulo para este deporte no noso municipio e na comarca, posto que se trata dun sitio privilexiado para esta práctica deportiva que, nas condicións axeitadas, poderíase converter no epicentro do piragüismo da Mariña”.
Engadiu o rexedor que “desde o Concello de Cervo queremos apoiar a un club que traballa a base e pretende consolidarse, como é o C.D. San Ciprián” e subliñou que “desde o noso equipo de goberno apostamos decididamente pola práctica deportiva, e imos traballar decididamente para mellorar as infraestruturas dentro do noso municipio”.