Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela en colaboración coa USC inicia a planificación e deseño de hortos urbanos

Burela, 28 de xaneiro de 2022. O Concello de Burela en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela inicia a planificación e deseño de hortos urbanos. Aquelas persoas interesadas poderán inscribirse a partir do vindeiro luns, 31 de xaneiro, en hortosurbanos@burela.org e así o Concello coñecerá a demanda que pode ter esta iniciativa, que forma parte do Plan de actuación ecolóxico, de preservación ambiental e valorización de recursos naturais do Concello de Burela en colaboración coa USC.

O alcalde, Alfredo Llano, contou que “no Concello xa é coñecido que temos un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, a través da Politécnica de Lugo, e entre outros proxectos que compartimos están as hortas urbanas que queremos poñer en marcha en Burela. A partir do luns xa se pode ir apuntando xente. O que pretendemos con esta iniciativa de que se anote a xente é determinar canta hai interesada en participar e compartir algunha horta destas e, unha vez sabida a cantidade de xente, imos empregar máis ou menos superficie para eses hortos. Hai que mirar tamén as bases e acordaremos unha formación para que se poidan levar adiante”.

O rexedor dixo que “queremos que esas hortas sirvan para concienciar á xente a tratar as cousas dunha forma máis natural con produtos que favorezan a nutrición e que se valore o traballo que corresponde a un bo coidado da produción de alimentos. Imos intentar poñelo a andar o antes posible, pero todo leva un trámite. O que pretendemos con esta iniciativa é valorar canta xente puidera estar interesada no futuro en compartir unha destas hortas urbanas que queremos instaurar en Burela”.

Licitación de obras
Ademais o alcalde burelés anunciou que “imos realizar moitísimas actuacións no noso concello nos dous primeiros trimestres do ano, que no seu conxunto van mellorar moitas cousas. Imos facer asfaltados, arranxo e recuperación de beirarrúas, pintado de edificios, mellora do pintado na sinalización de tráfico e melloras na Vila do Medio e noutras rúas como Mar Cantábrico. Imos facer o máximo posible en obras e que se note que Burela pode ser unha vila ben coidada para procurar un beneficio para os nosos veciños e veciñas, pero tamén que chamen a atención cando recibimos visitas de fora. Estamos dándolle ritmo para que, o antes posible, comecen as obras e procuraremos ter todo licitado xa, algunha incluso empezada, no mes de febreiro”.

Alfredo Llano engadiu que “outra das cousas que cremos que é importante para o pobo dado que crea unha expectativa de futuro enorme é a compra de solares de uso dotacional preto do Hospital. Esas conversas xa están perfectamente orientadas. Penso que hai un acordo en principio e imos concluír esa operación o antes posible para que no futuro próximo se poidan ver que tipo de obras se poden realizar alí sempre pensando nas cuestións sociais e públicas, que poidan beneficiar ao conxunto da poboación de Burela”.

Exit mobile version