Viveiro, 29 de xaneiro, 2022. Xa vai máis dun ano desde que o BNG denunciou a situación na que se atopa o paseo fluvial do Landro, onde as madeiras do chan nas zonas de máis humidade deste paseo se están a converter en verdadeiras pistas de patinaxe, sendo numerosas as veciñas e veciños que caeron e mesmo que tiveron que ser trasladadas ao hospital con lesións e roturas de diferente gravidade. Se isto o trasladamos ás persoas de idade avanzada, pon máis en valor a necesidade de actuar para previr estas caídas.
Unha problemática que xa se deu noutros moitos concellos con pasarelas deste tipo, resolvéndose coa colocación de malla metálica ou plástica grapada ás madeiras, sendo cada vez son máis o número de concellos que se sumam a esta solución, como recentemente remata de facer Ribadeo.
A colocación da malla permitiría a utilización deste fermoso e agradábel paseo durante todo o ano, cun custo mínimo e perfectamente asumible. Unha malla que, ademais de ser antiescorregante e previr o risco de caídas, suporía un aforro en canto ao mantemento das pasarelas minimizando o número de limpezas anuais e alongando a vida dos tablóns.
Tamén no 2017 propoñiamos unha mellora da contorna ambiental identificando especies invasoras como eucaliptos e plumachos, tomando medidas para a súa eliminación progresiva e recuperando as especies propias da nosa ribeira. Tendo en conta que esta contorna está incluída na Rede Natura 2000, é posíbel acadar fondos económicos europeos para recuperar esta zona e así poder desfrutar dun paseo envexábel para o desfrute da todas.
Por todo o anterior, unha vez máis rogamos ao equipo de goberno que reconsidere colocar a malla no chan das pasarelas do Paseo Fluvial do Landro para eliminar o risco de caídas e mellorar o seu mantemento; así como actuacións na contorna ambiental para a eliminación de especies invasoras e recuperación de especies propias.