Nunha proposta que o goberno provincial presentará para debate no vindeiro pleno – 25 de xaneiro-, a formación nacionalista pide ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) reclamar os activos da SAREB en Galiza para artellar un banco de inmobles que facilite o acceso á vivenda da xuventude e das persoas e colectivos máis desfavorecidos.
O BNG considera que deben ser as administracións competentes en materia de vivenda as que xestionen os activos da SAREB constituída con capital público como parte dos mecanismos para rescatar á banca tras a crise de 2008, empregando estes recursos para garantir o acceso a unha vivenda digna a todas a persoas.
Desde o BNG apuntan que a actuación da Sareb en Burela, onde chegou a poñer en marcha o procedemento para desaloxar 16 vivendas calificadas como de protección autonómica, amosa a necesidade de mudar a fórmula de xestión destes recursos inmobiliarios.
En relación coa situación na localidade mariñá, o BNG levou ao Parlamento de Galicia e ao Congreso sendas iniciativas esixindo a continuidade dos alugueiros para as familias afectadas.