Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón a instalación de paneis informativos led en Viveiro

Viveiro, 21 de xaneiro, 2021. No camiño de avanzar para nos adaptar ás novas tecnoloxías empregando todos os canais de comunicación posíbeis para estarmos en contacto coa veciñanza, o Bloque Nacionalista Galego de Viveiro considera que o Concello ten que mellorar á hora de dar a coñecer as actividades culturais, deportivas ou sociais e mesmo cando publica avisos de interese ou outro tipo de actos. Isto podería facerse instalando paneis electrónicos, unha instalación que xa funciona en moitas vilas mesmo nalgunhas de menor entidade que a nosa, situados en puntos estratéxicos das zonas urbanas.

Paneis led informativos que permiten a inserción de textos, gráficos e vídeos coa finalidade de suministrar desde o Concello unha información puntual e instantánea á veciñanza das actividades e anuncios que se estimen convenientes. Os paneis electrónicos adaptados ás novas tecnoloxías poden incluir ademais información sobre o tráfico rodado, previsión metereolóxica, publicidade de todo tipo e promoción de servizos de ocio que permitirían o autofinanciamento destes paneis.

A actualización da información destes paneis podería facerse desde o servizo de Informática do Concello coa colaboración da Oficina de Turismo e do persoal dependente das delegacións de Cultura, Deportes, Educación.

Os devanditos paneis informativos poderían, nunha primeira fase, ser catro:

1. Na contorna exterior da Oficina de Turismo.
2. Na Praza de Lugo.
3. Na zona de Cantarrana.
4. En Celeiro.

Exit mobile version