Viveiro, 4 de xaneiro, 2022. Para o BNG de Viveiro a eliminación de perigos na parroquia de Covas é unha prioridade que debe ser solventada canto antes. Por este motivo foi que o BNG de Viveiro levou ao pleno en marzo do 2020, unha moción para reducir a sinistralidade da LU-862 no seu paso por Covas, que resultou aprobada, mais a día de hoxe está aínda sen executar a pesar da disposición da AXI. O goberno decidiu botar o freo ante o temor á perder prazas de aparcamento, decisión non comprensible por dúas cuestións: a criterio do BNG, a seguridade debe priorizar sobre o número de aparcamentos; e por outra banda, un dos acordos aprobados na moción indicaba que o goberno municipal poría en marcha un sistema de xestión de solares privados dispoñibles na zona de Covas para utilizalos como aparcadoiros públicos provisionais, a través do comodato ou préstamo de uso.
A esta falta de seguridade na estrada tamén hai que sumarlle a falta de seguridade para xs peóns nas beirarrúas. Son varias as persoas que sufriron algunha caída debido a que estas beirarrúas contan cunha franxa de baldosas anexa á estrada, que en canto está sucia ou mollada vólvese esvaradía, co consecuente risco de caídas para as persoas que as transitan. Cómpre ter en conta que existen máis beirarrúas no concello coa mesma problemática por non falar da falta de adaptación das mesmas para facilitar a accesibilidade.
Desde o BNG rogamos que se cumpran os acordos aprobados en marzo do 2020 para a redución da sinistralidade na LU-862 no seu paso por Covas, e que se reparen e limpen as baldosas esvaradías das beirarrúas de Covas así como de todas aquelas do concello que contan con este tipo de material.