Madrid, 20 de xaneiro de 2022. O deputado do BNG no Congreso rexistra iniciativas na cámara baixa para coñecer as intencións do executivo estatal ante o posíbel desafiuzamento de 16 familias de Burela, a pesar de ter contratos de aluguer en vigor en vivendas da SAREB que se poderían alongar até 2029, para que se suspendan estes trámites. Néstor Rego demanda a transferencia destes activos inmobiliarios a Galiza, asumíndoos o Instituto Galego de Vivenda e Solo para crear unha bolsa de vivenda pública que permita facilitar o acceso á vivenda de persoas e colectivos máis desfavorecidos e a mocidade do país.
A SAREB comunicou recentemente que estaba a iniciar o procedemento para o desafiuzamento de dezaseis vivendas situadas en Burela. De maneira unilateral decidiu poñer fin aos contratos de alugueiro que levan en vigor desde o 2004 e pólos en venda. O edificio, segundo a información da que dispón o Instituto Galego da Vivenda e Solo, está cualificado como de protección autonómica para alugueiro a 25 anos, co que as familias poderían alongar o contrato até 2029.
“En Narón, A Coruña, Silleda e, agora Burela, a SAREB está ignorando o seu propio compromiso de ceder os inmóbeis para vivenda social e continúa apostando polo desaloxo e o desafiuzamento das familias que viven nelas” denuncia o deputado nacionalista. De facto, as posibilidades que ofreceu a Sociedade de Activos procedentes da reestruturación bancaria “non son satisfactorias porque coa venda non se garante o uso para alugueiro ao que debería dedicarse o edificio até, polo menos, 2029”.
O inicio destas xestións por parte da SAREB tivo “xa un efecto intimidatorio e disuasorio sobre as persoas residentes do edificio”, e por iso, algúns dos “inquilinos e inquilinas decidiron deixar xa as súas vivendas ante a ameaza de desaloxo, sen esperar a unha solución pactada que lles permitise continuar nos seus fogares”. A formación nacionalista subliña a necesidade de paralizar este trámite e suspendelo de maneira definitiva para permitir que estas 16 familias poidan seguir vivindo en réxime de aluguer.
Así mesmo, Rego demanda que todos os activos inmobiliarios da SAREB, na Galiza mantén unha carteira de 2.735, se transfiran a Galiza para que o Instituto Galego de Vivenda e Solo xestione estes activos “e se permita constituír unha bolsa de vivenda pública na Galiza para facilitar o acceso á vivenda das persoas e colectivos máis desfavorecidos, así como a mocidade deste país”. Como explica o BNG, con esta cesión “poderíase dar unha solución definitiva a estas 16 familias baixo ameaza de desafiuzamento e garantir a continuidade dos contratos ata esgotar o seu tempo de vixencia para logo incorporalos á bolsa de vivenda social da Galiza”.