Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro denuncia que nada se ten feito para a mobilidade en bicicleta

Viveiro, 3 de xaneiro, 2022. Hai un ano e 5 meses que o goberno socialista se negou, punto por punto, a votar a favor de todas e cada unha das propostas incluídas na moción sobre o proxecto para un “Viveiro ciclábel”, presentada pola nosa organización, a cal solicitaba a creación de ciclorúas, aparcabicis nos lugares públicos, campañas de concienciación para o uso da bicicleta e deseñar carrisbicis co consenso das asociacións veciñais e deportivas do concello.

Non só votaron en contra senón que fixeron ouvidos xordos ao rogo do BNG presentando no pleno de agosto de 2020 como tamén ao de febreiro de 2021, no que se instaba á alcaldía a poñer en marcha unha comisión de estudo para consensuar entre todas e todos as principais liñas de actuacións. A día de hoxe a veciñanza de Viveiro segue esperando pola devandita comisión, que mesmo fora prometida pola alcaldesa na sesión plenaria na que votou en contra da proposta do BNG para un “Viveiro Ciclábel”.

Ademáis, en xullo do 2021, hai 6 meses, saiu aprobada a moción do BNG para retirar o enreixado que separa Viveiro co mar desde a altura do antigo Casino até case Celeiro e que incluía como punto primeiro dos acordos:

. A creación dun carrilbici que una Viveiro e Celeiro nunha vía cómoda e segura para bicicletas e patíns eléctricos, cun custe mínimo de pintura e sinalización para a súa implementación.

Rogamos pois, unha vez máis, que por parte do equipo de María Loureiro se informe das actuacións que poidan ter desenvolto para retirar o enreixado e promover o carril bici nesa zona, así como convocar na maior brevidade a citada comisión de estudo para pór en marcha sendas de carril bici no concello de Viveiro.

Exit mobile version