Ribadeo, 27 de xaneiro, 2022. O BNG de Ribadeo sempre se caracterizou por defender o comercio local e pór en valor os mercados de proximidade. Defender unha cultura e unha lingua propias non é unha aposta bucólica nin romántica, senón unha defensa clara do noso tecido económico (a nivel agrario, industrial, comercial e cultural).
Ao longo deste outono pasado, como en anos anteriores, o BNG desenvolveu unha campaña de promoción do comercio local animando a todas e todos a realizar as nosas compras de Nadal no noso comercio. En Ribadeo, o goberno local centrou os seus esforzos na terceira edición da campaña das Panchas. Sempre se pode mellorar, pero nesta ocasión houbo novidades abondo que lle deron un novo pulo: a axilidade para tramitalas; a axilidade tamén para os cobros por parte dos comerciantes; así mesmo, o feito de que as persoas que nos visitan puideran botar man das Panchas para mercar no comercio local. Tamén foi unha oportunidade de aumentar o uso desta “moeda local” que veu para se quedar connosco neste noso empeño por dinamizar a vida comercial de Ribadeo.
Nese empeño por querer chegar a máis sectores, propoñémonos dispoñer de máis medios para lograr que máis persoas que poidan ter algunha dificultade no uso das novas tecnoloxías se sumen ao emprego das panchas en vindeiras edicións. Nesta ocasión xa dispuxemos de persoal que orientaba a quen o necesitase para cargar os seus petos electrónicos. Animamos a quen, polo novidoso da medida, se puidera ter quedado sen usar panchas, a que comprobe a través das súas amizades o doado que era, e que non deixe, en edicións futuras, de facerse con elas.
Toda aposta polo comercio local e os mercados de proximidade é positiva. Afianzamos as nosas tendas e comercios, que fan de Ribadeo, de calquera vila galega, un gran centro comercial; axudamos a fixar poboación nas nosas parroquias dando saída aos seus produtos, dinamizamos a vida da vila potenciando a súa actividade comercial e, por extensión, a da hostalaría que acolle a tanta xente que merca en Ribadeo.
Son propostas positivas, que se poden levar á práctica pois son realistas; son propostas que a xente ve que se levan a cabo e que se benefician delas. O BNG de Ribadeo apoia o labor do actual equipo de goberno facéndolle achegas e escoitando á xente para que nos mostre de que maneira se poden mellorar as medidas que propoñemos e levamos a cabo.