Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG censura o veto do PP á comparecencia urxente do titular de Sanidade no Parlamento polo colapso da Atención Primaria

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro 2022. O BNG censurou na Deputación Permanente do Parlamento galego o veto do PP á comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade nun Pleno extraordinario, tal e como solicitaba a formación nacionalista, ante a “situación de extrema saturación na que se encontra a Atención Primaria”.

“Lamento que vostedes consideren que esta situación pode agardar 13 días máis a partir de hoxe, ata o Pleno ordinario; lamento que tardaran tanto en convocar esta Deputación Permanente para abordar esta situación cando a situación é límite, con miles de persoas que non conseguen atención sanitaria e profesionais que están rachando”, recriminou a portavoz de Sanidade do Bloque, Montserrat Prado, quen asegurou que “sobran as razóns para que o conselleiro compareza con carácter de urxencia no Parlamento diante da gravidade da situación”.

Prado considerou imprescindibles as explicacións do Executivo de Núñez Feixóo ante as decisións que está tomando no ámbito sanitario. “A medida de restrinxir a actividade asistencial e deixala reducida a casos COVID e Urxencias en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo fixo saltar todas as alarmas porque certifica a situación de colapso na Atención Primaria e significa que ao PP non lle quedou outra que asumir o desastre dunha situación límite, consecuencia das súas políticas sanitarias”, reprobou.

A deputada nacionalista advertiu que a situación é “insostible” en moitos centros de saúde do País e, neste sentido, exemplificou co que está acontecendo en centros como os de Vilagarcía, As Neves, Ponteareas, O Rosal, Teis, Lavadores, Viveiro, Rianxo, Marín, Seixo, Mondariz, Covelo, As Neves, Arbo ou A Cañiza, ou en PACs como os de Caldas ou o de Baltar en Sanxenxo, todos con alarmantes reducións de persoal e, nalgúns casos, mesmo con suspensións da atención sanitaria nas quendas de tarde.

“Unha situación que levamos, xa non meses, senón anos, denunciando e que o PP pretendeu agochar creando un relato fraudulento de que eran problemas puntuais”, recriminou, para engadir a continuación que “teñen vostedes a miles de galegos e galegas sen asistencia sanitaria, sen asignación de médico ou médica; neste momento xa hai 55 cupos que non teñen médico”. Nesta liña, alertou de que hai miles de persoas con patoloxías distintas da COVID e doenzas crónicas que precisan de atención sanitaria. “Non podemos volver ou manter os diagnósticos tardíos, a xente non pode planificar cando poñerse enferma”, advertiu, logo de sinalar que isto está provocando que, ademais dos consultorios de Primaria, tamén se saturen PACs e servizos de urxencias hospitalarias, “xa ao límite”.

Prado acusou ao Goberno de Feixóo de terlle derivada a responsabilidade á cidadanía, “obrigada a autoxestionarse e pagar a autoxestión”: “mercar test a prezos desorbitado, saber facelo, confiar no diagnóstico, someterse ao calvario de xestionar a comunicación do positivo para conseguir atención sanitaria ou para xestionar unha baixa laboral”, relatou. “Teñen que explicar por que tomaron medidas que nos levou a unha situación de contaxio colectivo; ter retirado corentenas de contactos estreitos, reducido corentenas de positivos sen síntomas ou non facer rastrexos nin seguimentos de positivos e contactos son medidas tomadas sabendo que isto vai supoñer un contaxio colectivo, sen tomar outras medidas para poder atender á poboación”, recalcou.

O PP traslada a súa responsabilidade a profesionais e cidadanía
A portavoz nacionalista de Sanidade negou que esteamos ante un problema conxuntural, senón que a actual situación é consecuencia do desmantelamento da Atención Primaria acometida polo PP “e agora as costuras non dan para máis e está rachando; este non é un problema conxuntural, é estrutural”.

Así, recordou que en dous anos que levamos de pandemia o Goberno galego “non tomou ningunha medida para solucionalo, máis que trasladarlle a responsabilidade á poboación e ás e aos profesionais”, algo que considerou “moi inxusto”, dado que a cidadanía cumpriu con exemplaridade coa súa responsabilidade con todas as medidas de precaución e cunha vacinación masiva e o persoal sanitario “levan anos traballando por riba do esixible, dando a cara polos erros da Xunta, totalmente expostxs e sen mans para máis, pero ao PP dálle igual o esforzo que fagan porque seguen esixíndolles máis e máis”.

Logo de incidir en que a situación actual da Atención Primaria non é sobrevida nin atribuíble a esta sexta onda da pandemia, “senón que é consecuencia das políticas sanitarias que o PP de Núñez Feixóo leva aplicando 12 anos”, Prado lembrou que entre 2012 e 2017 xubiláronse 331 médicos e médicas de Atención Primaria e só se repuxeron 221, é dicir, 110 médicos menos en 5 anos, mentres que das 175 xubilacións de pediatras só se cubriron 96. “A partir deste ano non facilitan datos, por iso poden dicir o que lles dea a gana”, recriminou.

Nesta mesma liña, advertiu que as previsións apuntan á xubilación de 400 novxs facultativxs de Primaria, sen que haxa ningunha garantía de relevo -o único é “a ver se nos aumentan o MIR”, afeou- e engadiu que o PP non só non toma nota, senón que, moi ao contrario, está aproveitando a pandemia para acelerar a política de deterioro da sanidade pública para garantir o negocio da privada porque “se a sanidade pública funciona ben, a privada non ten negocio”.

E, neste sentido, apuntou que esta conclusión contrástase no propio orzamento da Atención Primaria que, lonxe de ser reforzado, en 2022 é 2 millóns máis baixo que en 2021 e conta con 47 millóns menos que en 2009, “que de aplicarlle o IPC, serían máis de 277 millóns menos”; e tamén na política laboral “de precariedade e temporalidade” que sigue aplicando a Xunta e que, “neste momento segue facendo contratos por días e por semanas”.

De igual xeito, reprochou ao Executivo de Feixóo que só a metade dos 400 médicos que remataron o MIR de Familia e Comunitaria nos últimos catro anos, só a metade estean traballando en Atención Primaria e que siga sen tomar ningunha medida para aumentar os cadros de persoal con novas categorías. “Ademais da pandemia da COVID19, está a pandemia paralela, que non fai máis que agravarse e que se está orixinando polas miles de persoas que non están sendo atendidas e as consecuencias que esa non atención van ter no inmediato e no curto prazo”, concluíu.

Exit mobile version