Durante este econtro puxéronse enriba da mesa moitas das problemáticas que afectan a este sector, vital para Galiza e vital para A Mariña, como as cotas de pesca, o Brexit, o relevo xeracional, as titulacións e a formación pesqueira, a supresión de axudas ao combustible, o regulamento europeo de pesca e a eólica mariña, entre outras.
Regulamento europeo de pesca: innecesario porque aquí o sector está supercontrolado
A respecto do regulamento europeo de pesca o BNG considera que a actividade pesqueira da baixura, así como a marisqueira, é o sector da pesca mais vixiado e controlado de toda Europa pois está suxeito a cotas máximas de capturas, polo que é un sector que xa conta con medidas de supervisión, inspección e vixilancia que garanten a súa sostibilidade.
Por este motivo o Bloque coincide coas confrarías ao considerar que aumentar os controis é innecesario e defende que Galiza debe exercer as súas competencias sen o control doutras administracións. Neste sentido, Daniel Castro apuntou tamén que “o BNG leva meses manifestando a súa oposición á obrigatoriedade de que todas as embarcacións de mais de catro metros teñan que estar xeolocalizadas e con cámaras a bordo para controlar a obriga do desembarque das capturas”
Eliminación de subvencións aos combustibles: unha medida lesiva para a nosa flota, especialmente a de baixura
Outro dos temas que preocupan ao sector son tamén determinadas normativas coma a proposta da U.E. e da OMC mediante a cal se pretende que o Estado Español prohíba subvencións á compra de combustibles ou a cubrir os seus costes, a través do paquete de medidas “Fit for 55” para acelerar os obxectivos do Pacto Verde Europeo, diante do cal o BNG xa propuxo no Congreso dos Deputados iniciar accións contra esa proposta da Comisión Europea para evitar os efectos negativos na flota galega, e facer valer o carácter de país altamente dependente da pesca de Galiza.
Eólica mariña
A respecto dos proxectos de instalación de eólicos no mar, a deputada, Rosana Pérez remarcou que a postura do BNG é “declarar non apta a costa galega para a instalación de parques eólicos mariños ante as características de singularidade da frota galega”. Neste sentido, lembrou que o PP e PSOE “abriron a porta á eólica mariña” a pesar de que o propio Parlamento europeo xa se pronunciou sobre a consecuencias negativas que ten para a pesca a instalación de aeroxeradores no mar”. Manifestou tamén o apoio do BNG ao “Manifesto de Burela” no que as confrarías galegas e do Cantábrico rexeitan a instalación de eólicos na nosa costa porque os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña aquí non son compatibles cos usos existentes, nin coa escasa plataforma continental destas costas, que difire totalmente doutras zonas marítimas como o Mar do Norte ou o Mar Báltico.