Site icon Crónica3.com A Mariña

“Neno! Volve ó rego!”, por Antonio Gregorio Montes

Neno, nena… a consideración dun ou outro sexo para o caso dá (-me) igual. O que non o dá é que cousas como a guerra sobre a linguaxe inclusiva se usen para desviar a atención. E iso, unha vez chamada a atención, volvamos ó tema. E o tema é a dependencia. A dos nenos ou a dos vellos? Non. A túa, non fai falta que vaias máis lonxe, nin tan só ás residencias de anciáns, e os seus castigados hóspedes, por exemplo. Comeza pola túa, non é o peor medio para procurar tamén a súa propia independencia e benestar.

‘Trátannos coma nenos’ é unha frase que se pode escoitar en moitas versións. Non se menciona normalmente que ese ‘tratar(nos) coma nenos’ leva consigo o de querer levarnos polo rego que nos indican: está implícito.

Para evitar despistes, creo que hai que facer unha pequena digresión para considerar a historia. Somos seres sociais. Dende hai moito tempo temos construído sociedades e cada individuo necesita o apoio do resto da comunidade para sobrevivir. O mesmo que a sociedade necesita ós individuos da comunidade, sen os que por definición non existiría. Como paso seguinte á constitución da sociedade, a súa estrutura foi tentando novidades, evolucionando e ó tempo, cristalizando e escachando unha e outra vez ata o que hoxe chamamos estado. En certo xeito, un herdeiro da sociedade, pero sen lograr abranguer todo o que representa e significa a comunidade, organizada en sociedade na que se asenta a estrutura estatal. Aínda así, o estado, nado para organizar a vida comunitaria nunha sociedade cada vez máis complicada, foi collendo ó seu cargo a organización desa dependencia que temos as persoas. E hoxe, por poñer algúns casos, son competencias das estruturas estatais ou semellantes o asegurar canles para mellorar as relacións e intercambios (estradas ou telefonía…) o coidado dos maiores (competencias en residencias de anciáns), ou a saúde (rede sanitaria). En todos os casos, delegación da comunidade na estrutura estatal e estruturas relacionadas en niveis inferiores. Mais ese ente complexo que se foi tecendo como representación comunitaria, hai tempo que está acompañado de xeito crecente por outras entidades que non teñen o mesmo espírito nin base comunitaria, senón individual, ‘privado’. Entidades que hoxe participan, moitas veces con máis dereitos efectivos que as persoas, na estrutura social e provisión de servizos. Véxanse se non todos os exemplos que puxen máis arriba, nos que empresas collen as atribucións do estado e a partir de aí fan negocio.

Así, a nosa dependencia da sociedade foi trasladada en parte e para facilitar a súa xestión, a unha estrutura, o estado, E dende que as máis primitivas estruturas de tipo político -chamémoslles ‘pre-estados’- emerxeron, as persoas á fronte da xestión moitas veces distinguíronse por unha actitude de ‘deixádeme a min, que son o encargado’, ou ‘ti de isto non sabes nada, fai o que eu che digo’. Ou sexa, o típico controlar unha persoa ó resto, que, caso de pasar polo aro, pasan a ser dependentes directamente da persoa que controla ou da rede controladora. Coa cesión de servizos ás empresas e/ou a permisividade coa súa actuación, a cousa tomou outro cariz: xa non hai consideración co ‘contrato social’ entre o ente estatal e a comunidade, por moi desleixado que fose, pois ás empresas non as manda o pobo nin son postas aí ‘por deus’. Pero para facer cartos, en particular con servizos (RAG: “1.Acción e efecto de servir -Dar ou subministrar aquilo que alguén necesita-. 2 Traballo ou actividade de utilidade pública e organismo que asegura a súa realización.”) necesitan á xente, canta máis e máis tempo actuando de ‘consumidores’, mellor. E para iso, tentan coller tempo e datos, xa máis que cartos ‘contantes e soantes’: máis que moedas ou papel garantido polo estado, pezas que están por desaparecer en favor das transaccións electrónicas controladas de xeito exclusivo por empresas ás que antes chamaríamos bancos e agora non sabemos ben como chamar.

O caso é que seguimos a ser dependentes. Antes, da sociedade por necesidade e de xeito compensado, hoxe, por delegación, do estado, e por deixamento deste, de entidades privadas que non podemos compensar se non é co noso propio ser. É dicir, deixando de ser nós para pasar a ser delas, entregándolles os nosos pensamentos e doando as nosas accións: aí está toda a propaganda para dirixir os nosos actos e toda a recollida de metadatos das redes sociais que ó pouco tempo de uso saben máis de nós que nós mesmos.

Isto, en liñas xerais. Representa un avance ou algo do que nos temos que separar para vivir unha vida plena?

Exit mobile version